Boas tardes/noites a todos. Hoxe vou facer un descanso, non é un descanso
de verdade, é simplemente unha pausa na nosa actividade habitual, a
contabilidade, para falar un pouquiño sobre a economía somerxida. Xa sei que
agora o que se leva é falar da reforma laboral, e da folga xeral da semana
pasada, pero a economía somerxida é a que ten a culpa de case tódolos males que
nos están a atacar nos últimos… meses… anos… non sei, poñamos tempos.
Vamos a ver unha cousiña, neste país gústanos moito defraudar a Facenda, normal? Pois non sei que
che diga, pero o que é moito peor é que neste país nos gusta moito que os demais
defrauden a Facenda, e iso si que podo asegurar que non é normal, pero é así:
-Pois Manolo este ano defraudoulle a Facenda dous millóns.
-Tooooma! Que tomen polo cu!
Esta é a conversa habitual entre dúas persoas españolas, aínda que esas
dúas persoas odien ata a morte a ese tal Manolo, parece ser que odian máis a
Facenda, que xa me dirás ti… sacan beneficio eses dous pobres diablos do
que Manolo lle rouba á Administración Pública? Non. Saca beneficio alguén que
non sexa Manolo? Non. Entón por que estamos tan contentos cando un bichicoma
non ingresa o que debe mentres que a nós xa nolo sacan da nómina, ó mellor máis
do que nos toca? Pois non o sei, non ten sentido, e así nos vai.
Antes de nada deberiamos darnos conta do desgraciados que somos. A ver como
volo explico, para defraudar dous millóns temos que ter moitos cartos, ningún
indixente está obrigado a pagarlle a Facenda o que non ten. Eu só vos digo que
se Manolo defraudou dous millóns é porque ingresou sete, entón, parécenos xusto
que nós que gañamos aínda non mil euros ó mes e que xa Manolo se encarga de
sacarnos os 30 que nos cobra Facenda máis os oitenta que requisa a Seguridade
Social, e eses ingrésaos cando toca, pero os seus dous millóns mellor quédase
con eles, e así de paso pode cobrar algunha axuda estatal para non entrar en
concurso de acredores, porque para non pagar eses dous millóns ten que facer
crer á Administración que non gañou nada, probablemente nas súas contas saian
perdas, e xa enlazando co tema, e como non está de máis falar da reforma
laboral, con ese pequeno engano xa Manolo tamén pode botarme do meu posto de traballo
pagando só unha indemnización de vinte días por ano traballado, dos cales
Manolo, por certo, só vai pagar doce, porque os outros oito xa os pon o FOGASA,
que os máis avispados dirán: “E a ti que máis che ten? Se vas cobrar vinte
igual, que che importa de onde saian?” E é verdade, a min non me importa de
onde saian os vinte miserables días que me van pagar, pero podédesme crer que o
empresario, Manolo, si vai facer as súas contas antes de amortizar o meu posto
de traballo (xa sei que agora os postos non se amortizan, pero paréceme que esa
palabra expresa moito mellor o que nos están facendo), e que as contas lle van
saír máis redondas se do seu peto só saen doce días, e que se pagando vinte o
pensaría durante uns meses máis, pagando doce xa estou na rúa.
Agora xa vedes que o empresario o ten todo de cara, defrauda porque pode e,
mentres, nós aplaudímoslle a heroicidade coa que esquiva a Montoro, ou a de
Guindos, ou a quen demo sexa o encargado de recaudar o imposto de sociedades,
por poñer un. E ademais con falsear as contas tres trimestres, nin sequera un
ano, por Deus bendito eh!, xa estás na rúa a prezo de rebaixas. Ó mellor
pensades que non ten importancia que sexan tres trimestres e non un ano, e
probablemente neste momento non a teña, porque tal e como está a economía non
hai que falsear nada para ter descenso de ingresos tres trimestres seguidos,
todos sabemos que o consumo se resinte nas crises, e esta está a ser dura, pero
pensade un pouquiño, porque esta reforma está aquí para quedar. Cando a
economía se repoña, e volvamos ós tempos de bonanza económica (disque), que será o que
lle impida ó empresario recortar os ingresos nas súas contas durante os tres
primeiros trimestres do exercicio económico, para axustalos no último cando o
traballador que lle estorbaba xa estea na casa? Porque quero recordarvos que as
contas anuais (que é a contabilidade que se debe facer pública) se fan en
cómputo global dun exercicio económico enteiro, e que un exercicio ten catro
trimestres, ese empresario non ten nin que enganar a ninguén, botou ó empregado
ou empregados que xa non lle valían, por un custo de risa, e sen facer nada
punible (e xa non quero falar da posibilidade de baixarlle o salario ata o
Salario Mínimo Interprofesional, sen darlle contas a ninguén, e con menos
esforzo aínda).
Xa sei que estamos demonizando ós empresarios, e que disque hai que pensar
positivamente, pero é que por moi bos que sexan, se poñen nas súas mans tódalas
ferramentas para que as súas vidas sexan infinitamente máis sinxelas, e todo en
detrimento do benestar dos seus traballadores, eu non podo máis que pensar que
a ampla maioría van actuar pensando unicamente neles e utilizando ós seus
empregados coma se fosen unha maquinaria máis, amortizándoa nos anos que máis
lle conveña á súa actividade económica, e, por suposto, cos menores gastos de
desmantelamento posible.
Agora ben, eu non quero falar da reforma laboral, nin de como se están a
poñer as cousas para as persoas que temos que traballar por conta allea. Eu o
que quería era falar da amnistía fiscal. E agora que chegamos ó tema principal
desta entrada, como vou a convencervos eu de que evadir impostos é roubar, e de
que roubar é malo? se chega o noso novo goberno e nos di: “Roubar é malo, pero
se nos dás un pouco do teu botín, moito menos do que nos tiñas que dar
legalmente, non te asustes, perdoámosche”. Como vedes, isto non ten sentido, o
Estado Español, neste momento, funciona moito mellor ca unha conta nas Illas
Caimán, por unha minúscula comisión, non só che aseguran os teu aforros
ilegais, senón que ademais chos branquean e che converten nunha persoa aínda
máis rica e respectable.
Todos sabemos o que é a amnistía fiscal, verdade? Pois iso, que Manolo
defraudoulle dous millóns á Facenda Pública, e agora que? Pois agora Manolo
atópase con uns sete millóns en diñeiro negro, porque xa vos dixen que para
defraudar eses cartos tivo que ocultar eses e mailos outros, tódolos ingresos
que xeraron esa obriga con Facenda. E non imos falar do I.V.E., que me parece a
min que non vai incluído nos dous millóns. Ben, pois agora Manolo ten sete
millóns gardados na caixa forte da súa casa e vainos gastando no seu día a día,
obviamente non se priva de nada, porque é ben consciente de que na compra
semanal non vai dar gastado todo iso, e o máis probable é que para o ano que
ven entren outros tantos nas súas arcas, xa que este ano lle saíu tan ben, e
encima todo o mundo aplaudiu a súa manobra. Pois nada, nesas estamos cando de
repente: Oh! Sorpresa! Amnistía fiscal! O Consello de Ministros decidiu que lle
vai rebaixar a cota a Manolo e máis a tódolos noxentos espécimes coma el. Si,
agora, se comparte eses sete millóns co Estado Español, se nos deixan rabuñar o
que lle sobra, van facer coma que non ocorreu nada disto, pero non é que lle
vaian pedir os dous millóns que non pagou no seu día, non, porque nese caso
seguro que a Manolo lle segue parecendo moito e os segue gardando el, que total…
xa era o que tiña pensado. Non, o que lle van pedir vai ser só un 10% do seu
botín, que é iso para alguén que se fixo de ouro roubándonos a tódolos
españois? Nada, o que lle sobra, setecentos mil euros a cambio de dous millóns
longos que non pagou no seu día. Mallado vos quedou, bichicomas todos.
Correcto, a economía somerxida é unha lacra gravísima neste país, e é grave toda, non vou escusar ós traballadores que traballan sen
contrato para así cobrar o paro, ou a axuda, ou o que lles dean, porque son tan
bichicomas coma o empresario, pero con menos sorte. Moita xente pensa que “iso
non é nada”, non, non é nada se o fixeran dous ou tres, pero tendo en conta o
enormemente estendida que está… deberiamos pensar un pouquiño nos demais, e en
nós mesmos dentro duns anos, que parece que só vemos o que temos diante do
fociño. Acábanse os cartos das pensións, pero estamos moi contentos porque
cobramos seiscentos euros do paro e máis un salario moi bo porque o empresario
nos dá douscentos euros máis do normal do que aforra das cotas á Seguridade
Social e máis á Facenda, moi bo o empresario, que aforra a súa cota á
Seguridade Social, se non sabedes canto é deberiades informarvos, porque a cota
patronal é bastante máis grande que a participación obreira, como debe ser, xa
que é a parte forte da relación, afórrase indemnización por despido, ou fin de contrato, aforra a
súa parte en incapacidades temporais, e aforra todo isto do lombo do
traballador que non o vai cobrar, e o sentido común lévame a dicir que lle está
moi ben a ese traballador, porque non está ben roubar, pero tamén me gustaría
que o empresario levara algún pau por outro lado, e iso non pasa, porque
ninguén, aínda coñecendo decenas de casos coma este, os denuncia, porque son
nimiedades, e máis porque tamén lle van obrigar ó traballador a devolver o
subsidio que estaba cobrando mentres traballaba, e que? Non vos parece o xusto?
Que o traballador devolva o que cobrou de máis e que o empresario pague todo o que
debe ás arcas da Seguridade Social e a Facenda. Nunha sociedade normal todos
deberiamos pensar así, pero preferimos pensar coma anarquistas cativos, que non
digo que a anarquía non sexa unha forma válida de organización, pero o que non
me vale é que eu aporte o que debo para o “Estado de Benestar”, e o outro non
dea nada porque el cre no anarquismo como forma política, “Ti crer crerás, pero
non é o caso, e mentres eu aporte, aportamos todos”, porque o que defrauda está
prexudicando a tódolos contribuíntes dentro da legalidade. Como dixen antes,
defrauda o que pode, e normalmente o que pode é o que máis ten, e,
consecuentemente, o que máis obriga de contribuír xera, entón estamos aportando
as minucias que tanta falta nos fan os máis desgraciados, mentres que os que
realmente poden botarlle unha man ben útil á economía do país escapan do fisco,
e, volvo a dicilo, así nos vai.
E volvendo sobre a amnistía fiscal, a ese empresario corrupto pídenlle o dez por cento do seu diñeiro ilegal para volvelo legal, e mentres tanto, a tódolos empresario legais (se é que os hai), que pagan o seu trinta por cento de imposto de sociedades (non sei se é esa a porcentaxe correcta, pero por aí lle anda), báixanlle as deducións no mesmo Consello de Ministros, isto é normal? O camiño a seguir para o Estado de Dereito pasa por premiar ós corruptos e castigar ós legais? Porque se é así eu debo pensar moi seriamente, e vós tamén deberiades, se este é o país no que quero vivir, e que quero manter cos meus impostos legais. Porque se a corrupción xa nos ven xustificada polo goberno igual nos estamos confundindo de base, igual esta non é a organización de estado que queremos, ou igual o goberno que as nosas Cortes democráticas elixiron non é o que esperabamos os votantes, ou igual todo isto é o que nos merecemos por permitir que un partido que apoia o franquismo sexa legal ó mesmo tempo que protestamos con tódalas nosas forzas contra o terrorismo.
E cal é a conclusión de todo isto? Ningunha. Eu teño
moi claro que toda a economía somerxida é nociva para unha nación, e tamén teño
moi claro que non é fácil loitar contra ela, pero que se pode facer moito máis
do que se fai aquí tamén, que unha amnistía fiscal non é a solución a nada, e
que temos que loitar con tódalas forzas que teñamos contra todo o ilegal, que
non hai delitos mellores que outros, e que, así como ningunha persoa normal
está de acordo cun asasinato, cunha violación, ou cun atentado terrorista,
ningunha persoa razoable debe alegrarse de que quen sexa defraude a Facenda, e
que ninguén me veña agora dicir que non é o mesmo, porque xa sei que non o é,
pero é moito máis parecido do que a maioría pensa, porque esa xente que non está
disposta a ceder tres dos dez millóns que gañou o ano pasado é xente que si
está disposta a pagar o que sexa do imposto revolucionario (e que ninguén se me esbrille, que é só un exemplo), porque a súa vida
maila das súas familias váleo, normal, pero a do empregado que botou á rúa
porque a lei llo permitía non vale un céntimo, se morre á fame el e mailos seus fillos, a quen lle importa?, porque non os concibe como
persoas, senón como maquinaria, porque ese empresario que non está disposto a
gañar un pouco menos non pensa nas consecuencias que poden ter as súas accións
para os demais, e dese pensamento ó homicidio hai un paso, porque para el os demais non existen, só existe el, el e máis el, porque non hai maior
egoísmo que ese que agora se ve premiado por esa amnistía fiscal que, igual que
a reforma laboral, vai ir adiante si ou si. E que a ninguén lle parece tan
grave porque ás persoas que deberían manifestarse en contra non lles afecta, e
ás que lles afecta non teñen nada que perder, se queren legalizar os seus
capitais pagan ese dez por cento e se non basta con estar quietiño coma ata
agora e todo queda igual, porque ninguén se vai molestar en reforzar as
inspeccións, e o que me gustaría saber é por que, por que non se aumentan as
inspeccións de facenda? E as laborais? Non sería máis útil que agardar a que
esta xente decida ceder unha ínfima parte do que consideran deles? Non sería
mellor atacar a quen realmente o merece e deixar en paz ós que o fan todo
dentro da legalidade? Pois parece ser que non, parece que os que pagan xa
pagan, e se se lle pode rabuñar algo ós que non pagan ben, e se aínda o dez
lles parece moito xa haberá tempo de baixar ó cinco, ata ó final deixalo no
cero, branqueo de capitais gratuíto, para así, aparte do que rabuñaran do dez e
do cinco, conseguir o obxectivo real: liquidez. E así nos vai…
vincent cassel e john malkovich vale, son uns bichicomas... pero willem dafoe? se é a mellor persoa do mundo!
ResponderEliminarsobre o pós: non te preocupes por eses temas, con baixarlle o soldo ós funcionarios, que non teñen xeito de defraudar, malo será que non amañen.
as becas universitarias redúcense un 62% viiiiiiiiva viiiiiiiiiiva!!!
ResponderEliminarnon che acabo de dicir que xa atoparían un xeito de amañalo??
Vai moi ben a función de programar a entrada pa unha hora... pa onte ás nove da noite a puxen... e tal cual oye.
ResponderEliminarVai moi ben a función de programar a entrada pa unha hora... pa onte ás nove da noite a puxen... e tal cual oye.
ResponderEliminarVai moi ben a función de programar a entrada pa unha hora... pa onte ás nove da noite a puxen... e tal cual oye.
ResponderEliminarO blogger xa sabe quen manda aquí, por iso me triplica os comentarios. Si Rusiño si, vano a arreglar todo a base de matarme a disgustos, e de quitarche días de asuntos propios claro...
ResponderEliminarE a Willem Dafoe só o puxen porque o atopei tan guapo nesa foto que non me puiden resistir...
ResponderEliminar