24 abr. 2012

Patrimonio neto vuelve.


Bo día. Imos continuar co patrimonio neto. Pero antes teño unha dúbida que me gustaría compartir, a ver se quedamos calvos todos. Unha maioría absoluta como se logra nunhas eleccións? Porque se ninguén vota por ti é complicado, non? E parece ser que ó Partido Popular ninguén lle votou nas eleccións do pasado novembro, non sei, a min estráñame, pero pode ser eh, non vou ser eu quen cuestione o noso sistema electoral, aínda que motivos para elo non faltan. Xa sei que xa está moi pasado o tema, ala que dende novembro non pasou tempo nin nada, pero é que me acordou agora e xa sabedes que eu escribo o que podo. Pois iso, que o digo porque a onde queira que vou, en tódolos sitios a xente se descolga con declaracións en contra do P.P., xa dende a reforma laboral, dicindo que isto era ben sabido, que nos ían fundir na miseria e todas esas cousas, e non só me pasa a min, porque xa máis dunha persoa mo dixo, que en tódolos sitios só se alzan voces contrarias ó goberno formado. E non é que me mova eu en círculos comunistas, e menos en Ribeira, paraíso do Partido Popular dende hai máis de vinte anos. Pero xa non é que non se alcen voces discordantes cando alguén fala mal do actual goberno, é que ninguén cala, todo o mundo está en contra, e ademais xa todos sabían que isto ía pasar… pois non sei como chegamos a isto. Eu non sabía que isto ía pasar, e agora estou falando da reforma laboral, e aínda así non votei polo P.P. De verdade que non podo crer que ninguén, e refírome a traballadores, non a empresarios, sabendo que a reforma ía ser como foi, decidise que iso era o que querían, que aspiraban a que a patronal se saíra coa súa por tódolos lados, pero parece ser que si, e tamén parece ser que eu son a persoa máis confiada do mundo, porque si, eu sabía que non nos ía ir ben cun goberno de dereitas, pero non pensei que directamente ese goberno tivera pensado, escudándose na herdanza dos socialistas, fregar o chan con nós. Pois o único razoable que podo pensar é que absolutamente tódolos votantes do P.P. están atoñados nas súas casas, conspirando para ir votar en masa o día das eleccións, así van todos! Como é o único día que saen terano que aproveitar, claro.

Pois si, teño que recoñecer que estaba enganada, eu dicía moi alegremente que “ningún goberno nos vai axudar, dá igual quen entre no poder, dende aquí abaixo non imos notar a diferenza, non se notou nunca, non se vai notar agora…” Pois faltábame Don Mariano para mostrarme que si se pode notar, foi entrar e comezar a facer cousas, mimá! Nunca tanto traballara un presidente! E ala! Agora xa quedaremos así pa sempre.

Xa está, era só iso. Vamos aló. O patrimonio neto pode medrar sen que baixe o pasivo nin medre o activo. Xa sei que vos dixen que os capitais nin medran nin encollen, pero era mentira. Non é que fora mentira, pero é que aínda non vos explicara os gastos e ingresos, e agora vou a iso. Tamén habería que ser parvo pa meter todo o teu capital nunha empresa para que quede aí, sen medrar, claro que medra, ou encolle se somos moi bos empresarios. Os gastos e ingresos, como o seu propio nome indica, son gastos e ingresos, entradas ou saídas de diñeiro da empresa. Antes diciamos que cando un activo sube, ten que subir tamén un pasivo ou baixar outro activo, ben. Pois os gastos e ingresos son algo que fai baixar ou subir un activo ou un pasivo con cargo ó patrimonio neto. Non vos confundades, estamos falando dos grupos seis e sete do listado de contas do Plan Xeral Contable, aínda non chegamos ós grupos oito e nove, eses si que molan, pero non é o momento. Vale, pois no grupo seis hai gastos e no grupo sete ingresos (hai excepcións pero a norma xeral é esa), todos eles de xestión corrente. Como funcionan os gastos e ingresos? Pois seguindo as normas contables básicas: un gasto fai minguar o patrimonio neto, non? Pois ó debe, e se un ingreso fai medrar o neto, pois estará clariño que vai ó haber, e xa está, non era pa tanto, non?

Ó final do exercicio haberá que facer contas: sumamos tódolos gastos por un lado e tódolos ingresos por outro. Se temos máis ingresos que gastos podemos estar contentos, que nos tempos que corren xa é bastante, tivemos beneficios neste exercicio, dámoslle o seu trinta por cento a Facenda, se o consideramos oportuno, se non sempre podemos agardar á amnistía fiscal, e así dámoslle só o dez, e exercicio liquidado con éxito e cun aumento de patrimonio neto. Se hai máis gastos que ingresos malo, moi malo, pero xa está, hai que tirar pa diante e xa virán tempos mellores. Neste último caso teremos unha partida de patrimonio neto negativa, esta partida réstalle ó noso capital social, polo que os socios poden estar ben contentos coa nosa xestión, porque agora as súas accións valen menos (sen falar de cotizacións en mercados especulativos). Suponse que esta circunstancia é excepcional, o normal é que no próximo exercicio volvamos ter beneficios e así xa podemos saldar ese resultado negativo. No caso de que o excepcional sexa ter beneficios deberiamos cuestionarnos un par de cousas (e estou a falar das altas esferas da empresa: o consello de administración): a idea empresarial é boa? Estámola a xestionar de maneira correcta? O equipo está a traballar como nós queremos? Porque se só temos perdas igual hai algo que non funciona, non? Se é a idea debemos descartala e irnos para a casa, porque non temos nada, se somos nós… xa vos imaxinades, non? E se o que falla é o equipo, ben, o fallo está por debaixo de nós, así que podemos librarnos, pero… Que é máis fácil? Botar ó adestrador ou a todo o plantel?

Agora que xa sabemos como se fai para minguar o patrimonio neto xa podemos falar del con fundamento. O normal cando poñemos en marcha un proxecto empresarial é non ter pasivo, unha S.A. debe ter un capital social mínimo duns sesenta mil euros (creo, polo menos antes era así). Ben, pois esa empresa que comeza a súa actividade terá un activo igual ó patrimonio neto porque todo o que ten é de investimento propio, utilizaría o seu capital social para mercar o que precisara para a posta en funcionamento do negocio, e deixaría parte en líquido para posibles gastos nos comezos. Comeza e ten gastos e ingresos, vai sacando e metendo diñeiro na caixa, e pode comezar a endebedarse, porque ese é o camiño a seguir se quere que a súa empresa medre, ten que conseguir financiamento alleo para aumentar o seu activo, e, consecuentemente tamén o seu pasivo. Ó final do exercicio ingresos menos gastos igual a un beneficio de vinte mil euros, bo comezo, pagámoslle a Facenda os seis mil que lle corresponden e temos catorce mil de beneficio neto, dos cales, como mínimo, mil catrocentos os temos que destinar á nosa reserva legal, polo que xa estamos aumentando o patrimonio neto (como mínimo o dez por cento dos beneficios destinaranse á reserva legal ata que esta acade o vinte por cento do capital social). Agora temos doce mil seiscentos euros de beneficio para a nosa libre disposición, na miña opinión, como estamos empezando deberiamos deixalos na empresa, destinalos a reservas voluntarias, e así poder ir ampliando o negocio cos nosos propios medios, e ó mesmo tempo aumentar o valor das nosas participacións, pero se o que nos interesa é repartir beneficios xa o podemos facer. Que somos tres socios: pois catro mil euros pa cada un e deixamos un remanente de seiscentos para o ano que ven. E viches? Sen enganar a ninguén, somos persoas totalmente legais, que facemos todo segundo a lei e aínda así gañamos cartos. O negocio vai a fume de carozo, así dá gusto embarcarse nun proxecto.

Agora como nos vai tan ben non quería falar das perdas, porque nos deixa mal sabor de boca na entrada, tiña que ter falado das perdas antes, pero é que agora non vou cambiar a estrutura da entrada así porque si, co bonitiña que me quedou.

Pois nada, en principio tiña pensado liquidar o patrimonio neto nesta entrada, pero tamén foi cousa de que me liei co do P.P. ó principio e xa se alongaba moito, así que nada, na próxima entrada falareivos dos perigos do patrimonio neto cero e máis do patrimonio neto negativo, que xa os imaxinaredes, supoño.


E para rematar vouvos facer unha breve reflexión: o Villarato non consiste en pitar dous, ou tres, nin sequera dez penaltis reais, nin en expulsar a un nin a dous contrarios merecidamente, non vos enganedes, iso chámase arbitrar, e, mellor ou peor, faise en tódolos partidos. O Villarato é pitar un penalti, ou os que sexan, que non foi penalti, e o árbitro sabéndoo certamente, ou unha expulsión inmerecida por un árbitro totalmente consciente. E se un equipo tira vinte veces a porta e o contrario tira tres, e a posesión do balón tamén está nunha porcentaxe parecida, e o equipo dos vinte tiros gaña por tres goles a un, sendo dous de penalti (penaltis reais en ambos casos), non é correcto dicir que o equipo en cuestión gañou pola axuda arbitral. E se quere vir Josep Pedrerol aquí explícollo a el tamén sen ningún problema, e ata que o entenda non se vai, aínda que o sacrificio sexa non poder ver Punto Pelota durante seis meses (espero que sexa tempo suficiente para desintoxicar ó pobre home), porque me imaxino que sen el non comezarán, só lle pido que non traia a Buyo, porque entón vainos levar moito máis tempo e igual lle cortan o programa, e non quero eu iso por nada do mundo.

4 comentarios:

  1. 3 cousiñas:

    1) o villarato consiste no que diga pedrerol, non no que digas ti
    2) o concepto de villarato que defende pedrerol non fai falta explicarllo a buyo, enténdeo á perfeción
    3)QUE LLE FIXECHES A GARY OLDMAN!!!!????!!!!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. 1) Pode ser... igual ata foi el o acuñador do termo... e non imos ser aquí máis papistas que o papa.
      2) Pois polo menos que veña Roncero e lle leve o recado, que ese é coma unha muller cativa.
      3) Gary Oldman xa estaba así, o probiño, cando o encontrei. Eu só denunciei a súa situación. Son coma España Directo... eso aínda existe?

      Si tes algo máis non tes máis que dicilo. Xa ves que eu, campechana coma o primeiro día, respondo a tódalas dúbidas, sexan ou non de contabilidade. Porque aquí pódese aprender de todo...

      Eliminar
  2. Visto o visto, é normal que os votantes do PP pasen a vida agochados. Ao carón dos economistas, supoño.

    Pero xa que estamos, cando un banco queda sen cartos, e para non aceptar a creba decide tomalos prestados do Estado co consentimento do seu Presidente (o do Estado)... o pasivo cal é?

    O cidadán, verdade?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois Perroloco, aínda que non ía dirixida a onde chegou, porque supoño que era irónica, non? é unha pregunta moi boa, xa que non hai pasivo, porque ese "préstamo", ó ser a fondo perdido, é simplemente un ingreso, que engrosa o patrimonio neto do banco, sen contrapartida algunha. Iso é o que me tivo toda a noite sen durmir (esaxeración extrema), que algunha contrapartida ten que ter, e non sei se é unha simple subvención, un ingreso extraordinario ou que?

      O que si che podo dicir é o que non é, e si debería ser, porque non hai nada máis cercano a unha entrega directa de patrimonio neto, ou unha ampliación de capital rara, xa que non son os accionistas os que teñen o dereito preferente, senón o estado, e ademais este non pasa a ser co-propietario do banco. Si, eu tamén creo que se o estado financia unha empresa privada, esta debería pasar a ser pública, polo menos en parte, pero non, isto nin llo menciones a Botín, porque che apurra a Ruíz-Mateos, creo.

      Pero este tema dá para unha entrada enteira, así que xa paro. En resposta á pregunta irónica: Si, o pasivo é o cidadán, sempre que o cidadán sexa Zapatero, ou Sonsoles no seu defecto, que teñen moitos os dous... Deus... se o meu blog fora de moda e estilo, eses dous ían ter otitis crónica... pero nada, aquí o deixamos.

      Calquera cousa xa sabedes onde estou. Saúdos.

      Eliminar

Cillian Murphy que es gerundio.