23 may 2012

Patrimonio neto forever.

O patrimonio neto cambia, cambia constantemente, aínda que o cambio se rexistre efectivamente ó final do exercicio. Pero iso xa volo contei en anteriores entregas, era só para ver se estabades atentos. Ademais iso xa deberiades sabelo, porque nesta vida todo cambia, as leis fiscais, as normas laborais, todo, ata as persoas. Eu estou de acordo en que as persoas, cando cambian, o noventa e nove coma nove por cento é para peor, pero temos esa ínfima porcentaxe de xente que non empeora, representada na miña persoa. Si, queridos lectores, eu non sempre fun Cillian Murphy, ese cambio de personalidade é un evento moi recente. Tampouco vos podo asegurar que o vaia seguir sendo por moitos anos, pero de momento non vexo xeito de que cambie, porque o outro día vin unha película de Gary Oldman e nada, nin o máis mínimo indicio de cambio de persoa. Pero xa veremos, se pasa algo neste aspecto da miña vida prometo avisarvos, non vaia a ser que vos poñades a ler un día o meu blog, e xa non sexa de Cillian Murphy, porque eu sei que non é prato de bo gusto ler un blog de contabilidade escrito por Daniel Craig, e con razón. E non vos enganedes, eu non só son actores, de feito, quen máis era antes de ser Cillian Murphy era Jerry Cantrell, que, como todos sabedes é músico, e moitos estaredes pensando que ser Jerry Cantrell non ten punto de comparación con ser Cillian Murphy, pero non é así, estades a deixarvos cegar pola estela de glamour do cine en xeral e de Cillian Murphy en particular, pero non vos dades conta de que Jerry Cantrell non é unha persoa calquera, é o súmmum das personalidades adoptadas. Eu non volo podo explicar, teriades que probalo, pero ser Jerry Cantrell é o mellor que me puido pasar na vida. E estaredes a preguntarvos por que deixei de selo entón. Pois podo respondervos que iso non se escolle, cada un é o que toca, pero eu tiven moita sorte porque sempre fun persoas importantes e glamourosas. E xa me estou a desviar do tema outra vez. Eu vin aquí a falar do patrimonio neto! Acordádesvos de Francisco Umbral? Eu acórdome moito del, si, moito.

O outro día expliqueivos o que ten que pasar para que aumente o patrimonio neto, quedouvos claro? Cae de caixón, non? Para ter máis cartos o que ten que pasar é que obteñas beneficios. Pois iso. Agora, antes de continuar, vouvos aclarar unhas cousiñas que, probablemente todos saibades, pero por si acaso, que non está de máis. Os socios dunha sociedade, valla a repugnancia, en caso de perdas só responden co capital investido, ben, iso todos o sabemos, para iso está a lei concursal, pero se para o investimento tivemos que pedir financiamento, ese préstamo témolo que pagar aínda que se disolva a sociedade, porque é noso, non da empresa, outra cousa ocorre cos préstamos solicitados pola sociedade, que eses si que quedan saldados ó disolver a sociedade. Así que deberiamos pensar que ó mellor é preferible constituír unha sociedade con menos capital social, e endebedarnos en nome alleo, xa que estamos nunha sociedade bichicoma, aproveitémolo, non? Quedounos clara a diferenza entre solicitar un préstamo para constituír unha sociedade e solicitar un préstamo en nome dunha sociedade? Quero supoñer que si.

E agora si, vamos aló. Xa tiñamos constituída a sociedade, xa finalizáramos o exercicio con beneficios e xa repartíramos segundo máis nos conviña. Pois agora vamos a ver cales son as dificultades coas que nos podemos atopar. Acabamos o segundo exercicio con perdas, isto é, máis gastos que ingresos. Isto son cousas que pasan, non nos podemos vir abaixo agora, os comezos sempre son duros, etc. etc. Pois nada, temos unhas perdas de seis mil euros, por poñer unha cantidade, e Facenda, así como se queda co trinta por cento dos beneficios, tamén se vai facer cargo do trinta por cento das perdas, pa que logo digades… Loxicamente non nos vai dar os cartos, pero ese porcentaxe do resultado negativo vai quedar aí ata que teñamos un resultado positivo e ímosllo poder restar ó que lle teñamos que pagar ese ano, non sei se me explico. A ver, este ano a Facenda quédalle unha débeda con nós de mil oitocentos euros, que se vai saldar cando lle teñamos que pagar porcentaxe sobre beneficio, entón, o que nos queda vai ser un resultado negativo de catro mil douscentos euros, e esta vai ser unha conta de patrimonio neto negativo, que lle vai restar ó resto de neto que teñamos, e que imos poder saldar no próximo exercicio con beneficios.

Se seguimos por este camiño malo, quero dicir que se imos tendo perdas, aínda que sexan por pouca contía, obviamente, o negocio non vai ben, pero como hai que tentar reflotala imos facer todo o posible por que saia adiante, endebedarse é o camiño que normalmente se segue, porque máis vale solicitar financiamento alleo que perder o investimento inicial, e, como xa dixen, para iso está a concursal, para que arrisquemos ata o final. Pois veña, seguimos, o tempo pasa, e cantos anos van xa? E todos de perdas, en que situación temos o patrimonio da empresa? Pois mal, moi mal. Ai! Que peniña! Tódalas nosas ilusións postas nesta empresa para, ó final, mira, quedámonos sen patrimonio neto, as perdas acumuladas xa son iguais ó capital social, ou incluso maiores, isto que significa? Pois que non temos patrimonio neto ou que este é negativo, e como se fai isto? Pois financiando as perdas acumuladas con préstamos alleos, e por que unha empresa decide facer isto? Porque xa non ten nada que perder e hai que loitar ata as últimas consecuencias para non perder o investido, e porque para iso está a concursal. Pois nada, que facemos contas e o activo é igual, ou, no peor dos casos, inferior, ó pasivo, xa ninguén nos fía porque fai tempo que non pagamos, os bancos xa non nos deixan entrar por medo a que lle roubemos a planta que teñen a adornar na entrada, e para iso que é de plástico, tan baixo caemos? Pois si. E que nos queda agora? Pois temos dúas opcións: primeiro, acollernos á concursal coma señores e agardar a que desvalixen o noso negocio e repartan entre os acredores, dubidamos moito que decidan solucionalo cunha quita, porque cando a quita ten que ser do cen por cen e aínda así non nos queda nada para seguir adiante, esa non adoita ser a resolución.

A todo isto, sabemos todos o que é unha quita? Vamos falar un pouquiño dos concursos de acredores, por se alguén non sabe como funcionan. Unha empresa afogada polas débedas acóllese a tal lei, entón tódolos seus acredores pasan a ter moito medo, porque todo parece indicar que non van cobrar, ou polo menos non todo o que lle deben. Cando falemos do I.V.E. recordádeme que vos fale de como Facenda tamén pasa a ser acredor e, polo tanto debe devolver os importes xa ingresados en concepto de I.V.E. repercutido e non cobrado desa empresa. Ben, pois unha vez declarada oficialmente en concurso, ós acredores tócalles esperar, esperar e rezar para que haxa quita e que sexa o máis pequena posible. Pois ben, agora poden pasar dúas cousas: a primeira é que a autoridade encargada de resolver estas cousas decida que a empresa non é viable, nese caso desmantelarase e repartirase todo o que se poida repartir entre os acredores da sociedade, mala cousa, os acredores van cobrar máis ben arolas, pero éche o que hai. A segunda é só un pouco mellor, e consiste en que a autoridade, a mesma de antes, decida que a empresa si é viable, entón, aparte de que resulta que a empresa é viable e vai así, será que algo se fixo mal, pero ó señor xuíz que decide isto parece ser que ben pouco lle importa e vai deixar nas mans deses incompetentes a empresa outra vez, pero ó que ía, para os acredores si que vai haber consecuencias, o propio é que se estableza unha quita, unha quita é unha porcentaxe das débedas da empresa que, como o seu propio nome indica, se quita. Se a quita é do vinte aínda menos mal, pero se é do setenta os acredores van quedar ben contentos. Pois aí o tedes, en caso de quita os acredores cobran a porcentaxe da débeda que non se quita. E, basicamente, niso consiste entrar en concurso de acredores.

Falamos agora do Zaragoza un pouquiño? A min pareceríame razoable que un equipo de fútbol que decide acollerse á concursal, porque iso foi o que fixo o Zaragoza, non é que a concursal lle atacara, decidiron eles que era o mellor que podían facer, non ían decidir, non pagan e non lles pasa absolutamente nada, pois iso, que unha sociedade deportiva que entra en concurso voluntariamente debería sufrir algunha consecuencia, como por exemplo descender de categoría. Porque é moi fácil dicir que non temos cartos para pagar, que realmente non os terían, pero o que importa é que as débedas son perdoadas, os xogadores que os equipos traspasaron e non cobraron xa son deles, e utilízanos para xogar contra o acredor que non ingresou un céntimo polo traspaso, todo isto é público, polo que os demais equipos saben que o acredor non cobrou, e polo tanto non ten diñeiro para mercar reposto, polo que ningún equipo negocia con eles, e moito menos lles dá facilidades de pago. O acredor baixa a segunda porque non ten plantel para xogar en primeira, e o equipo arruinado, con un plantel completo que non pagou queda onde estaba (por pouco tempo, espero). Que vos parece? Xusto? Porque non o é. A lei concursal xeral non é aplicable ás sociedades deportivas, porque en ningún outro tipo de empresa os activos mercados e non pagados se utilizan para fundir ó acredor que non os cobrou de maneira directa coma no caso dos equipos de fútbol (e quen di fútbol di baloncesto ou waterpolo, supoño, que eu de deportes pouquiño). Se un equipo de fútbol ficha xogadores, sabendo que non ten crédito, e logo se acolle á concursal, que pasa? Nada. O equipo en cuestión reforzou plantel, non paga ou paga unha ínfima parte, poñéndonos nun caso moi extremo, e, como todos sabemos, os equipos de fútbol, aínda que sexan cativos, xeran moito diñeiro, así que xa estamos outra vez  en condicións de comezar cunhas contas saneadas. Pa min iso é fraude, utilizar unha lei para obter maior beneficio, que no caso dos equipos de fútbol son títulos, ou, máis ben, para os que normalmente se acollen á concursal será non baixar a segunda. Ó fin e ó cabo, agora, pensándoo ben, os beneficios mídense igual que en calquera empresa: segundo a consecución de obxectivos.

E a todo isto eu dixen que cando chegas ó patrimonio neto negativo tiñas dúas opcións, non? E a primeira era a concursal. Pois a segunda igual vos parece un pouco máis bichicoma, acordádesvos de Nova Rumasa? Pois na próxima entrada falamos das emisións de débeda fraudulentas.

7 may 2012

Esta entrada non ten título. Non llo penso poñer.


Xa cheguei outra vez. Antes de nada quero pedirvos desculpas porque teño que interromper de novo a historia do patrimonio neto para falar de algo que xa mencionei algunha vez aquí. Si, ese algo son os nosos queridos amigos que falan do que non saben.

O que si quero que saibades todos os meus pouco probables lectores, e que conste que non o digo con pena, xa que, se lestes a primeira entrada deste blog, xa saberedes que non escribo con ánimo de que ninguén o lea. Xa sabedes que eu nin sei nin quero escribir. Xa me estou indo outra vez do tema, non, o que quero que saibades é que eu son unha mala persoa, e isto tampouco o digo con pena, non sei como será ser boa persoa, pero non creo que traia máis beneficios que ser mala. Hai moita xente que é moi boa persoa e que vive mellor ca min, pero os acontecementos, normalmente, non se suceden nesa orde. Estou a falar de cartos, o normal é, ou ben ter cartos e ser boa persoa, ou ser mala persoa e facerte rico. E digo o normal, non o único, así que que ninguén se moleste, porque eu non coñezo a todo o mundo, de feito eu coñezo a moi pouca xente. Teño un sistema infalible para coñecer pouca xente, se pasan dous anos, máis ou menos, sen ter unha conversa con alguén con quen cheguei a levarme ben deixo de saudar a esa persoa, porque total, para saudala sempre e nunca falar con ela non me aporta nada. Iso, basicamente, é o que ven sendo un cochomono, eu tendo á cochomonería. Hai outros por aí que lle falan á xente toda a vida, e se chaman a si mesmos cochomonos, non vos fiedes deses falsos cochomonos… é broma eh! Que eu fíome del, pero como cochomono deixa bastante que desexar… Pois eu son mala persoa, pero non é que faga maldades así gratuítas, non, é só que teño moito odio para repartir, son unha persoa velenosa, unha víbora vaia. A xente que me coñece así un pouco, de traballar, de tomar algo algunha vez, ou incluso a miña familia en segundo grao, entendendo por primeiro pais e irmáns, pensan que son boa persoa, eu engano moito, incluso tódolos meus profesores sempre pensaron que eu era boa e agradable, incluso tímida. A xente pensa que as persoas tímidas son boas, é mentira, eu son tímida, en iso acertan, pero son veleno puro, en serio. A xente tímida ten moi boa prensa, pero nada máis, haberá de todo, supoño, pero, falando por min, non ten que ver unha cousa coa outra.

Outra cousa que quero que saibades é que eu escribo aquí de contabilidade porque é un tema interesante que non lle interesa a ninguén, é curioso, verdade? todo o mundo escapa desa información. Desa e de moita outra, cada vez hai máis incultura, e iso críspame, en serio, a xente que escapa da cultura enérvame, porque hai xente que non tivo ocasión de saír da incultura, e esas persoas son vítimas, pero os outros… os que non aproveitan as ocasións que a vida lles dá para saír do mundo de ignorancia no que retozan… eses son os que me fan cuestionar a miña humanidade, porque cando se me planta diante un deses animais non podo desexarlle nada bo, en serio, non sei por que están aí, non sei por que me falan, non sei que poden aportar a este mundo, e non quero que existan. É un odio distinto do que lles profeso a outro tipo de persoas, persoas que non coñezo, non sei como son na súa vida cotiá, pero ódioos pola súa vida pública, normalmente deportistas, por exemplo Michael Schumacher, que, durante moito tempo foi a persoa que máis odiei no mundo, pero non quería que non existira, quería que sufrira, que sufrira moito, que sufrira continuamente é distinto, e así pasei a miña infancia e adolescencia, entre odio a Schumacher e odio a Hierro, si, Fernando, entre outros. Se comezo agora a enumerar as persoas odiadas por min dende que teño uso de razón non acabo nin nunha semana.

Pero é que a cousa vai a peor, cada vez hai máis deses iluminados, que eu opino que sería máis correcto chamarlles eruditos incultos, ou eruditos ignorantes, pero aí cada un que lle chame como queira ou como poida, que non vou ser eu quen fale con Pérez Reverte para que delimite o alcance das denominacións, entre outras cousas porque a ese tamén o odio bastante. De verdade que creo que estamos rodeados de persoas que falan do que non saben, ou do que non deben, insultan, faltan ó respecto dos demais, e, logo, non piden, non, esixen respecto para eles e os seus achegados, coñecidos, ou tocados pola súa graza. Deus bendito, pero como non os vou odiar, se cuspen, cuspen, cuspen, e, cando lles cae na cara, sexa deles ou sexa de outro, como se poñen! as persoas máis dignas que xamais pisaron a terra. Eu son consciente de que, ó ser mala persoa, cando alguén me fai algo malo non debo poñer o grito no ceo, estou no meu dereito de vingarme, e normalmente fágoo, pero non pido que ninguén sexa bo conmigo. Pois creo que, da mesma maneira, esas persoas que inventan cousas, ou falan do que non saben, non deberían escandalizarse tanto cando lles cae unha do revés, porque é o que buscan, queiran ou non. E que fan? Atacar con outra mentira, ou verdade a medias, que, como todos sabedes, é a peor das mentiras.

Pero a onde quero chegar é á pregunta que me corroe: por que tanta incultura? Que estamos facendo mal? Porque eu lembro que, na época de meus irmáns, que tampouco dista tanto da miña, eles e os seus amigos tiñan cultura, molestábanse en aprender cousas, aínda cando non tiñan interese en sacar unha carreira, ou en rematar o bacharelato, si o tiñan en aprender. Foran adictos á heroína ou non, fai vinte anos os rapaces tiñan inquietudes, agora non. É o sistema educativo? Son os pais? Son os reis magos? Que é? De verdade necesito sabelo, por que agora as persoas xoves e as mini-persoas se tapan os oídos e corren moito cando comezan as noticias? Porque teñen que facer iso, se non non se entende como se chega a tal grao de abstracción do mundo real.

En fin, que cada vez é máis certo aquilo que dicía alguén de que cando a xente deixe de falar do que non sabe, en España se fará un gran silencio, e eu agardo ese día con desesperación, pero tamén con certo temor, porque penso que cando chegue, e todo o mundo estea cos oídos ben espertos, agardando que alguén diga algo intelixente, un deses eruditos incultos, aproveitará para falar aínda máis alto que de costume, e só agardo que daquela xa esteamos preparados para lanzar á fogueira a quen ouse falar do que non sabe e rompa o meu tan apreciado silencio.

Non agardo que ninguén estea de acordo comigo, de feito, normalmente, son eu a que non está de acordo con ninguén. Así que non necesito que me deixes ningún comentario levándome a contraria, eses xa os sei. Tampouco preciso que ninguén me diga o mal que escribo, xa deixei claro que non aspiro a escribir, nin ben nin mal. Esta entrada escribina só para sacarme de enriba os malos desexos e vouna publicar única e exclusivamente para non pegarlle a ninguén nestes próximos días, a ver para canto tempo me dura o alivio…

E outra cousa que non te que ver co anterior. O goberno de Rajoy (Cristo bendito, ese nome en galego fai chorar ó Neno Xesús) di que nos ten que quitar tódolos cartos que poida porque o Estado non ten cartos, ben, iso ten lóxica. O Estado necesita cartos para axudar ós cidadáns, apoiar os seus proxectos, vidas, saúde, etc. Os cidadáns máis desfavorecidos van precisar máis apoio do Estado, e máis en momentos de crise. Os cidadáns máis desfavorecidos son os que están saíndo peor parados das medidas contra o déficit do goberno. Que é o que pretenden? Quitarme os cartos e para o ano darmos? En serio, eses cartos son para axudar ós cidadáns? O estado do benestar para quen é? De verdade que non entendo o que pasa, vale, a cousa estaba moito peor do que eles pensaban, a pesar de que todo o resto da humanidade sabía, a groso modo, como estaba a economía pública, e tamén sabía que o novo goberno ía atopar as arcas moito máis valeiras do que nunca imaxinaran, pero, deixando aparte o tema de que xusto as únicas dez, ou vinte, ou as que foran, persoas que non sabían como estaba o tema foran os elixidos para formar goberno, en serio, para que os queren? Se nos soben os impostos, todos, e nos baixan as axudas e quitan prestacións, en que se vai investir o diñeiro público? De verdade creo que amasar unha fortuna, ó Estado non lle vale para nada, se non repercute nos seus cidadáns é diñeiro moi perdido. A non ser que sexa para salvar bancos, que iso é outra cousa, xa… Que? Nada, falaba de barcos.