12 jun. 2012

Nueva Rumasa, ciudad de vacaciones


Pois ben, como vos dicía, hai outra forma, que en realidade non é outra forma, é a mesma, pero con un engadido de valor, xa que ó final toca acollerse á concursal igualmente. Como xa imaxinaredes, o que vos estou recomendando é facer unha emisión de débeda a un alto interese, que non cotice en mercados secundarios, para que así non vos faga falta a autorización da Comisión Nacional do Mercado de Valores. E tan pronto como consigades cartos bastantes, acollédesvos á concursal e escapades cos cartos.

Espera, isto sóame, a vós non? Ai si! Foi o que fixo Nueva Rumasa, si, basicamente foi iso. Acórdome eu moito de Ruíz-Mateos, pero moito moito eh, en serio, pero aínda me acordo máis dos que decidiron investir na súa empresa os seus aforros. En que estaban pensando? Porque non sei oh, pero se Botín lle pechou a billa por algo sería, que ese home igual outra cousa non, pero visión para os negocios vese que ten, e se Ruíz-Mateos estaba en disposición de pagar a un oito por cento (ata o doce nalgúns casos) o capital investido, penso que o Santander non había ter reparos en seguir facendo negocios con el. E todo iso só razoando, se logo lle fas un pouquiño de caso á Comisión Nacional do Mercado de Valores xa si que non teñen xustificación, que non avisou unha nin dúas veces eh, sete veces o dixo, sete veces dixo que o pensaramos moito antes de darlle os nosos aforros a Ruíz-Mateos, pero aínda así houbo quen dixo: “que non home, que este rapaz é de fiar, que todo o malo que lle pasou foi culpa dos demais sempre, os socialistas, que sempre nos están a meter en problemas, non vedes?” e así nos vai.

Eu levo moito tempo pensando neste tema, e ata teño rifado con xente coa que habitualmente comparto opinión, porque disque o concurso de acredores está para iso, para poder arriscar coa empresa, e se vai mal pois iso, desentenderse. Tamén me dixeron que os seus traballadores non tiñan por que protestar, porque un empresario non vai manter unha empresa que non lle reporta beneficio, isto tamén é certo. Pero non sei, a min dáme que os Ruíz-Mateos algo fixeron moi mal, porque non é normal que teñas dez, ou vinte, ou non sei cantas empresas e que vaian indo, non? E que collas e emitas uns pagarés de 50.000€ de investimento mínimo, e despois, de repente, un día RAS! SE CONVIRTIERON EN CHOCAPIC! No me lo creo, non é normal que decidas que ningunha delas che vale, que todas están para desvalixar. E se a min, que o vin todo desde fóra, me cheira, imaxinádevos ós traballadores de Clesa ou Dhul, que levaban xa unha boa temporada sen cobrar. E aínda encima, na última emisión de débeda, eran estas dúas empresas precisamente as que avalaban os pagarés, mira ti eh! Que cousas, non hai cartos para manter a fábrica pero avalamos a amortización de pagarés de 50.000€ a un interese de ata o dez por cento anual… non sei non sei eh…

Iso, que ou moi malos empresarios son os Ruiz-Mateos, que todo o que tocan o funden, ou que non é casualidade que a dirección de varias das súas empresas se realicen directamente desde paraísos fiscais. De verdade creo que esta emisión de débeda foi o que se di habitualmente “un cristo”. A ver, imos falar dunha das empresas do grupo, Carcesa (Carnes y Conservas Españolas S.A.), que sinalaba que destinaría o diñeiro obtido da emisión de pagarés á adquisición de empresas, e que xa tiña nese momento en estudio a compra de varias que supoñían grandes oportunidades de negocio. Canto obtivo? Pois algo máis de setenta millóns de euros. Que empresas adquiriu? Pois só unha: Queserías Menorquinas. Sería moi cara, dirán os máis confiados. Pois home, asejún, cara si, eu non teño diñeiro pa mercala. Figuraba por un valor contable de 1,7 millón de euros. Non me estraña que pediran financiamento para comprar a bicoca esa, aínda estou eu por ir mirar se ma venden agora… Ah! Que entrou en concurso canda as outras… Home… Todo o mundo ten dereito a trabucarse, non? Meus probes. Quédannos sesenta e oito millóns trescentos mil  euros da emisión. Carcesa destinou parte dese diñeiro a reducir débeda a curto prazo con entidades de crédito, pasou de 28,9 millóns a 18,7, é que nin sequera a eliminou por completo, polo amor de Deus! Restando tamén isto quedan cincuenta e oito millóns cen mil euros, e que pasou con el? Pois, maiormente, foi parar a préstamos a outras empresas do grupo, onde se lle perde a pista, que vos parece? E claro, como o grupo de empresas realmente non é un grupo, unha vez que o diñeiro sae da empresa que emitiu os pagarés: MAXIA outra vez, SE CONVIRTIERON EN CHOCAPIC! Carcesa non ten cartos, e as outras empresas do “grupo” non teñen nada que ver coa súa débeda cos inversores, co cal… xa sabedes, non?

"Si no devolvemos hasta el último euro a nuestros inversores, a las personas que en un gesto de bondad y de confianza nos han depositado sus ahorros, me pegaría un tiro en la cabeza, si es que la fe que profeso me lo permitiera" E Ruíz-Mateos non ten nin a decencia de mentir e dicir que se vai matar, senón que di que se mataría se o noso señoriño llo permitise… en fin… Beati pauperes spiritu.

E falando dos pobres de espírito, de quen foi a idea de que xa era necesario comezar coa historia de Spiderman de novo? Porque baixo a miña humilde opinión aínda está ben recente o conto por Sam Raimi, pero como ben dixen é unha opinión humilde, humilde só de nome, porque non existe nada humilde de verdade na miña persoa, son todo altivez. Pero son altiva porque o merezo, porque valo moito máis que ninguén, excluído Ruíz-Mateos padre, claro está.

Non me esquezo de Ruíz-Mateos, pero é que esta entrada comeceina a escribir fai dúas semanas e acabeina hoxe, non é que fixera tódolos días un pouquiño, traballar non se me dá, senón que fixen un cacho fai dúas semanas e o resto hoxe. Creo que ben se nota o cacho de hoxe, porque xa non me apetece máis falar de temas banais, que non é que o de Nueva Rumasa o sexa, e de feito o outro día parecíame apaixoante, e hoxe ata viña con ganas de facerlle aí unhas conclusións que ata o mesmísimo patriarca da familia me fixera a reverencia do ben que o fixen, pero é que cheguei aquí e esfumáronse todíñalas ganas. Son cositas

Acordádesvos cando había exames? Eu si, eran os mesmos tempos nos que os profesores que non facían exame sabían corrixir o traballo que o sustituía. Agora xa non é así, agora as materias son de pinta y colorea: pinta e colorea este debuxo dunha entidade financeira para Produtos Financeiros, pinta e colorea ó defensor do pobo para Admistración Pública, e nas máis difíciles tes que unir os puntos e ver que debuxo sae, e para o dez tes que pintalo e colorealo a maiores, se non ponche un nove, un seis ou a nota que considere, iso si, non suspende ninguén, que é o que importa. Ó que non pintou nin coloreou nadiña en todo o curso ponlle un cinco, que tampouco hai que ser egoísta, algo estaría a facer a criatura.

Pois así nos vai, ía falar un pouquiño do rescate, pero xa se me adiantou o cochomono ese… non lle fagades nin caso, que de númaros non ten puñetera idea…

Ai! A conclusión é que se alguén che paga moito máis do que vale algo nun mercado activo, sospeita, sospeita moito que non che vai dar nin moito máis nin nada, que probablemente escapará coa cousa en cuestión e ti quedarás en bolas. O que se di xeralmente "ninguén dá pesos a catro pesetas", vamos.

Se ademais o prezo ese xa llo ofreceu a Botín pola mesma cousa e non o aceptou... que dicir?