10 abr. 2012

Evaristo no es traídor.

O patrimonio neto é o capital da empresa, o capital que poñen os socios, enténdese, por iso o activo é igual ó patrimonio neto máis o pasivo, porque o activo, as cousiñas da empresa, fináncianse co capital social e máis co financiamento alleo, que son os préstamos e mailas débedas, porque se ti lle debes cartos a un provedor, ou ó técnico da lavadora, iso tamén é financiamento alleo. Ten lóxica, non me digades que non, por iso é que a columna do debe maila do haber teñen que sumar igual sempre, porque para que suba un activo ten que baixar outro, ou ben subir tamén o pasivo, e ás veces ata o patrimonio neto. Eu xa vos dixen ó principio de todo que a contabilidade ten toda a lóxica do mundo.

E agora acordeime eu dunha cousa, porque disque Inditex non ten débeda. Como que non? e logo pagarlle ós provedores a cento oitenta días que é? maxia? Porque a min paréceme unha débeda coma un mundo. Pero claro, ó non ter préstamos bancarios xa non conta, hai que mirar as cousas un pouco en profundidade, porque aquí gústanos moito falar do que non sabemos, e a algúns ata lle pagan por iso, e ala! a dicir barbaridades, pero barbaridades moi gordas eh, coma a nai de Gilbert Grape polo menos, imaxinádevos. E o peor non é que haxa xente que fala do que non sabe, o peor é que hai xente que lle cre, e despois adopta esas barbaridades como ideas propias e crense donos da verdade absoluta, porque o dixo Fulanito na televisión, e toda esa xente está de acordo en que a televisión non minte, e porfíanlle ata ó mesmísimo Amancio Ortega se fai falta que Inditex non ten débeda, en fin, beati pauperis spiritu. Cada un disque ten o que se merece, esa xente merécese ser dona da verdade absoluta, aínda que só sexa dentro das súas pobres cabeciñas, e eu merezo morrer da rabia cada vez que un deses desgraciados abre a boca. Ó final quen é máis feliz? Xuraría que eu non, porque entón eles aínda son moito máis desgraciados do que parecen, e non vos vou enganar dicindo que non lles desexo o peor, pero os meus desexos rara vez se cumpren, co cal seguro que son ben felices.
De que estaba falando? Do patrimonio neto, non? Pois si, o patrimonio neto é o que é noso, está moi ben telo, porque se non o tes o máis probable que che pode pasar é que entres en concurso de acredores, que non che é calquera cousa, foiche o que lle pasou ó Zaragoza e aí está, en primeira división, malamente, pero en primeira. Acordádesvos cando o Deportivo se descende desaparece? Eu tamén, pero vamos, que agora non dicimos nada e xa está, total... a quen lle importa ter ou non razón? o que importa é facer predicións de futuro sen ningún tipo de fundamento. O que máis me gusta destas predicións é que se estás fronte a unha persoa das que as fan estás perdido, non hai forma de saír coa túa, porque se lle levas a contraria no momento no que é unha predición sen fundamento non deixa que fales e diche que xa te terás que desdicir cando saia á luz a verdade, e se cando sae á luz a verdade lle vas recordar o falsas que foron as súas predicións aínda peor, porque todo o mundo ten dereito a cometer erros e non se pode facer leña da árbore caída, que xa me diredes por qué debo tirar unha árbore que segue en pé pa facer leña se hai unha no chan que me vai dar menos traballo e ademais xa non creo que remusique. Pois nada, demostrado, son incapaz de tratar o tema do patrimonio neto sen acabar falando da xente que vive de inventar cousas e dicilas o máis alto posible. Ollo, que moitos non inventan todo eh! hai moita xente que só inventa o que lle falta dunha historia certa, quero dicir, xente que escoita unha noticia pero unha parte non a escoitou, porque xa a colleu empezada, pois invéntase o principio e non pasa nada, porque o conto é certo na súa maior parte, non sei se son os mesmos ou son outros, pero tamén hai os que, a pesar de que viron a noticia enteiriña, se ven na obriga de inventar un cacho que non entenderon, con idéntico resultado: unha verdade coma un mundo.

Unha forma de calcular o patrimonio neto é por diferenza, a min este método sempre me pareceu bastante malo, por diferenza... como diciendo ya... Se unha cousa a hai que calcular desta maneira é que non existe, ou, de existir, que non temos moi claro o que é, non vos parece? Non é a única forma, tamén podes ir ó balance de situación de fin de exercicio e xa o ves, pero aínda non chegamos ás contas anuais, a que non? e como non sabemos o que son imos seguir co que segue, quero dicir que as contas anuais son o último, temos moito que andar ata chegar a elas, e non quero adiantar acontecementos que despois dicides que dou cousas por entendidas, ou peor, que vos destripei o final, un spoiler propiamente dito, vamos, e a min, coma a todos os amantes do cine, non me gustan os spoilers. Acordádesvos cando non había spoilers? eu si, apareceron fai pouco, coma os teaser, son cousas que nacen coas novas tecnoloxías, claro, cando as críticas das películas as facían os das revistas, Fotogramas, Cinemanía, e todas esas, non se lles ocorría contar o final, nin o medio, na crítica máis ben non che contaban nada, ás veces nin sabías se lle gustara ou non ó tipiño que tivo a sorte de vela antes de que se estreara, pero polo menos ías vela e non sabías nin se tiña final sorpresa ou xiro inesperado, iso se a película era boa, cando as películas son malas, digo malas de raíz, non estas malas así coma quén non quere a cousa, que son de magos e ilusionistas, que saen actores dos que che gustan, pa que as vaias ver e ó final son moi malas porque sae Tesla ou porque "era yo la pera". E que estaba dicindo eu? ai si oh! que nas películas malas de raíz xa se sabe todo o que vai pasar ó principio, cando saen os nomes dos actores e se nota moito que se os protagonistas son aqueles dous, o outro artista coñecido ten que ser o malo, ou qué vai a ser? o secundario cómico? se é Jeff Daniels aínda, pero se é calquera outro non cabe a dúbida: é malo! Pois iso, que agora con isto do enterné xa nunca podes ir ó cine sen saber, no mellor dos casos, que ó final flipas, que o mellor é o final, ou que o final... bufff... vaia final, e no peor, que está morto, que estivo morto dende o principio, e que non hai solución posible ó seu mal, porque, como todos sabemos, todo ten solución menos a morte. Por iso eu só leo críticas de películas de xente coñecida ou de xente que se dedica a iso, porque os segundos suponse que non destripan películas, e os primeiros... ós primeiros se mas destripan polo menos podo dicirlles: moi ben! gustoume moito a túa crítica! e non falarlles máis. Despois destas reflexións quero aclarar que a min non é que me molesten moito os spoilers, toléroos ben, pero tamén me dou conta de que ben se pode evitar facelos, non? e, querido crítico de chinchinabo, se non es capaz de escribir unha crítica sen spoiler, igual deberías comezar a cuestionarte a túa capacidade para facer críticas de filmes de estreo, ó mellor sáeche mellor a de Psicosis ou a de La ventana indiscreta, que xa todo o mundo sabe como comezan, como se desenrolan e como acaban. Poño os títulos das películas no idioma que quero, porque en galego soan raro e non teño por qué poñelos no seu idioma orixinal porque eu non son ningunha erudita. Pois aí estaban macho, outra vez os que falan do que non deben.

O patrimonio neto, a primeira maneira de calculalo é por diferenza, de que estou falando? do inventario. Que é o inventario? todo o mundo o sabe. O inventario é a representación da masa patrimonial da empresa (da empresa porque estamos falando de contabilidade, e quen usa a contabilidade? as empresas, estaremos de acordo en que unha persoa física rara vez leva contabilidade dos seus gastos do día a día, non? E de levarse unha contabilidade doméstica o máis normal sería facelo por partida simple, coma os presupostos xerais do estado, xa que na casa tamén utilizamos o principio de caixa única). Un inventario pode facelo calquera (non digo que non sexa raro, pero eu non me meto nas vosas vidas e agardo a mesma prudencia pola vosa parte), eu podo contar cantos pares de zapatos teño, iso é un inventario de zapatos, ou cantos perfumes, inventario de perfumes (os zapatos, xa o sabedes, gústannos moito, os perfumes tamén, pero iso non ten explicación evolutiva). Pois o que vos dicía, que o inventario é contar cantas cousiñas temos, e a masa patrimonial é todo, pero todo todo, terreos, construcións, camións, windows xp, mercancía, débedas de clientes (dereitos de cobro), préstamos que nos concedeu o Santander, débedas con provedores, etc. etc. etc... vale? Pois empezamos a contar, empezamos polo activo, que é o que máis nos gusta, se unha empresa non ten activo mal asunto: empezamos polo inmobilizado, que é o que vai pasar con nós máis tempo e acabamos polo líquido, que é o diñeiro efectivo do que podemos dispoñer, teñámolo na caixa ou no banco nunha conta corrente, seguindo esa orde lóxica (de menos a máis líquido). Para facer un reconto consistente debemos homoxeneizar os elementos patrimoniais, seguro que algunha vez na escola vos dixeron que non se poden sumar plátanos con peras, aínda que moitos non vos acordedes, se a min mo dixeron máis dun millón de veces, malo será que a vós non volo dixeran polo menos catro ou cinco. Pois aquí o mesmo, non imos sumar camións con windows xp, porque nos daría unha cifra rara, pois hai que homoxeneizar, e en qué homoxeneizamos? pasar camións a windows xp non se pode, e de windows xp a camións é moi complicado, así que o máis lóxico é valoralo todo en unidades monetarias e así non se cela ninguén. Agora que temos homoxeneizado, contabilizado e sumado todo o activo, facemos o mesmo co pasivo, dende as hipotecas no banco ata as facturas pendentes con Evaristo, na mesma orde, comezamos co que sexa a moi moi moi longo prazo e acabamos co que vence hoxe, ordenados desa maneira (de menos esixible a máis esixible). Agora si, xa temos o activo e o pasivo valorado en euros e sumado, pois xa podemos restar. Se Activo= Pasivo+Patrimonio neto, a ecuación e sinxela, non? o pasivo pasa restando e: Activo-Pasivo= Patrimonio neto. Ben, pois aí o tedes, os fondos propios.

Gustouvos verdade? O patrimonio neto sempre gusta moito, sobre todo ós Ruíz-Mateos Rivero, non coñecín eu a ninguén a quen lle gustara tanto o patrimonio neto coma a esa familia, eles collen, piden diñeiro coma se fora prestado, "tranquilos, que nós somos de fiar" din "ímosvolo devolver con moitísimos intereses", e despois escapan e todo o patrimonio neto pa eles, e canto máis mellor, pois a culpa é de quen llo prestou, que se Botín lle retirou o crédito por algo sería, non? Pero xa falaremos de Nova Rumasa outro día. E se agora vos gusta o patrimonio neto xa veredes cando comecemos a imputarlle gastos e ingresos, porque os gastos e ingresos son os que fan medrar ou encoller o patrimonio neto, pero hai uns especiais que se lle cargan e aboan directamente, si, estou a falar dos grupos 8 e 9, e iso si que é divertido, pero repítovos que non quero adiantar acontecementos, así que ímolo deixar aquí, porque esta entrada xa máis ou menos, que? Pero o próximo día, se me acordo, fálovos outro pouquiño do patrimonio neto, vale?  que vexo que vos gustou. Veña logo, a coidarse.

6 comentarios:

  1. se queres ver unha pelicla peor que a dos magos mira "la semilla del mal" que non é remake nin nada de "rosemary's baby" pero está gary oldman poñendo cara de ter moitísima vergonza de estar aí.

    case tanta coma ed harris naquela outra, só que oldman non está tan borracho...

    ResponderEliminar
  2. Non sei se podo resistir ver algo peor que as dos magos así, a propósito...
    E non é que o diga eu, pero creo que ninguén estivo tan borracho coma Ed Harris naquela nunca, de feito non esperaban que chegara a ver o estreno, e mira... aínda está aí... non?

    ResponderEliminar
  3. Respuestas
    1. Non tentes ó demo... o mismo dicíamos de Sapoconcho e mira...

      Eliminar
  4. Sapoconcho dies??? :___( NOOOOOOOOOOOOOOOO

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Non pretendía que te enteraras de esta maneira pero... Donde pensabas que iba? Canto tempo fai que non a ves? É que non estás ó que hai que estar e despois pasa o que pasa...

      Eliminar

Cillian Murphy que es gerundio.