28 mar 2012

Contabilizar ou non contabilizar.

Pois aquí estamos outra vez. Agora, xa que estamos metidos no tema, imos a aclarar un concepto básico (el concepto!). Contabilizar non é contar, nin apuntar, nin facer unhas cuentas; contabilizar é unha cousa moito máis seria que todo iso, é deixar constancia oficial dos movementos de capital dun ente. Ño! Que ben me quedou! Polo tanto, xa ben veredes que contabilizar é unha acción que só realizan as persoas de nivel, que non digo que non haxa persoas de nivel que non contabilicen, que as hai, pero non hai nin unha soa persoa sen nivel que o faga, e se a hai non sabe onde se mete o ente que deixa en mans desa pobre criatura (pobre de espírito, enténdese) os seus capitais oficiais, porque aínda que o que contabiliza non ve un peso deses capitais, nin pincha nin corta na economía do ente, pode dicir moitas mentiras sobre eses pesetos (e sen querer eh), auténticas aberracións fiscais, que se chegan a oídos de Montoro... ai hox! ai hoxiñas! Vale, pois aclarado isto xa podemos comezar coa cuestión que nos ocupa.

Xa sabedes que este é un blog de contabilidade, así que imos comezar polo básico: sabemos o que é a contabilidade? a contabilidade é unha cousa inventada, non é un can, nin unha vaca, nin un coche, nin unha casa. Moitos preguntarédesvos: se é unha cousa inventada, por que non a inventaron máis sinxela? Pois igual que a raíz cadrada, ou a raíz cúbica se me apurades, porque tocou así. Porque tocou así, e máis porque o pai da partida dobre, que non o inventor, foi un monxe franciscano, e, como xa de todos é ben sabido, os monxes franciscanos teñen moi mala uva (si, incluso peor que os dominicos, que xa é dicir), e, por se iso era pouco, ademais era matemático, o que non fai máis que empeorar as nosas expectativas sobre a asequibilidade (esa palabra creo que a inventei) da materia en cuestión. A estas alturas xa todos estaredes preguntándovos cál é o nome do noso heroe, pois vouvos dar unha pista: era italiano e naceu no século XV, penso que con iso xa todos saberedes que o artista en cuestión era Frai Luca Pacioli, creador da contabilidade moderna. Coñecerédelo por obras como "De Divina Proportione", thriller psicolóxico relativo á proporción relacionada co denominado "número áureo", que non será necesario que vos explique o que é, non? Por se aínda queda algún despistado que non coñece tal númaro, aí vos vai a descrición básica:

 


Ben, pois este señor, nestas datas, nas que aquí en España nos dedicabamos a facer churrasco cos infieis, ocupábase en sentar as bases da partida dobre, e, con ela, da contabilidade moderna. Non a inventou, moito antes da publicación do tratado do monxe a partida dobre xa se utilizaba en multitude de empresas comerciais (supoño que ningunha delas en España), e non se sabe quen a utilizou por vez primeira, pero Pacioli foi o primeiro en codificar e explicar por escrito o sistema, dato que lle outorga non pouco mérito ó chaval (como anécdota contareivos que os primeiros tratados referentes á partida dobre en España apareceron ó redor dun século despois deste).

Agora eu, aquí, vou imitar un pouquiño ó noso ben querido Luca, e vou explicar en que consiste a contabilidade moderna para os non iniciados no asunto: a premisa básica é que os capitais nin mingúan nin medran, simplemente se moven (xa dixen que isto era para os non iniciados, os que tedes unha lixeira idea xa sabedes que existen gastos e ingresos, que son os que fan variar os capitais). Isto que significa? Pois moi fácil: se ti mercas uns zapatos (a todos nos gusta mercar zapatos, é algo da evolución das especies, pero o probe Darwin esqueceu mencionalo) vas ter máis zapatos e menos cartos, e isto tense que reflectir na contabilidade: esa é a partida dobre, por un lado aumentan os zapatos e polo outro baixan os cartos, a partes iguais, claro está, porque en contabilidade todo se conta en unidades monetarias (xa vos falarei da homoxeneización contable). Agora é cando aparece o criterio da posición: en contabilidade non hai signos máis nin menos, súmase ou réstase segundo a posición da conta (nalgúns casos tamén resta o que vai entre paréntese, e nesta entrada temos moitos parénteses, así que xa estades restando...).

Como dixen ó principio a contabilidade é unha cousa inventada, polo tanto é tan real coma os cartos que tedes no banco. Viches os cartos que tedes no banco algunha vez? Refírome a cartos de verdade, non a unha simple anotación nun libro, que é o que son tanto as anotacións nas vosas libretas do Banco Pastor coma as do libro diario de Bershka (para ella y para él), se non viches Concursante, de Rodrigo Cortés, é un bo momento para vela e así comprender o aquél das anotacións que non son cartos, queda moito mellor explicado na película do que eu serei capaz de mostrarvos en décadas. Así que se ó final ven o corralito non digades que non avisei... Os billetes e as moedas tampouco son cartos de verdade eh, pensades que ese cacho de papel vale máis que calquera outro? Tocou así, pero se agora entra Mario Conde de presidente do goberno e di que eses billetes non valen, que van valer uns moi bos que os ten el todos na súa casa, que ocorre? que quedamos todos coma Varela a mirar pa el e a chorar, así que xa sabedes: os investimentos que sexan en ouro, que é o que vale, ou prata se sodes pobres. Tampouco vos prometo que non vaia entrar Mario Conde de Rei do Mundo e diga que agora o ouro non vale, que o que vale é un mineral precioso que o ten el todo na súa casa, que entón quedamos coma Varela igual, pero neste caso temos un pedrolo enorme de ouro que non vale nada e podemos tratar de atinarlle na cabeza a Mario Conde (esperemos que non teña os reflexos de George Bush Jr.). E non é por desanimarvos, pero aínda non vos relatei o perigo máis grande, o maior perigo para a solvencia, tanto do aventureiro especulador coma do probe aforrador, é que Mario Conde, aínda sen ocupar ningún cargo importante na administración pública, entre nas vosas casa e vos roube, ou ben os billetes e moedas que tiñades para acabar de pasar o mes, ou ben o ouro que gardabades con todo o amor por se deixaban de valer os billetes en curso, e rezade para que non o nomeen rei supremo dun banco ó azar, que xa non sería a primeira vez, e, como queda aquí demostrado, este home vive por e para a maldade (se non cómo explicades esas gafas abertas ó medio que leva?).

Levo xa moito tempo a dicir cousas e aínda non dixen o que é realmente a contabilidade, pero non vos poñades así que xa volo digo agora. A contabilidade é a ciencia que estudia o patrimonio da empresa (o patrimonio é todo, non o confundades co patrimonio neto), co fin de coñecer a situación da mesma e os resultados conseguidos. A contabilidade, ou información financeira (nome moderno), debe ser comunicada, ou pública, para permitir ós usuarios da mesma emitir valoracións e tomar decisións ben fundalmentadas. Outra cousa é que a xente queira ver as contas para emitir valoracións ben fundamentadas, porque, na miña humilde opinión (non vos fiedes, a miña opinión non é humilde para nada, pero son dúas palabras de ir xuntas e non vou ser eu quen as separe) o 99% das persoas que habitan neste país (nos outros non o sei) prefiren mil veces expresar opinións sen fundamento ningún, antes que fundamentalas en feitos, cousa ben normal se o miras dende o seu punto de vista, que se non sabedes cal é ese punto eu volo aclaro: as opinións sen fundamento sempre son máis divertidas, máis exclusivas, ou máis fáciles de explicar (non me preguntedes por que, esa é unha das poucas cousas no mundo que non vos podo explicar).

Pero vamos a seguir co tema, que vexo que me estou saíndo de guión e iso sempre é perigoso. O criterio da posición, ese gran descoñecido... Coñecedes ese concepto? (el concepto!) É fácil: só hai que saber distinguir entre debe e haber, que son o lado daquí e máis o lado dalá. Basicamente as anotacións no debe son incrementos e as anotacións no haber son minguas, que se lle chama cargar (no debe) e máis aboar (no haber). Ata aquí todo parece ledicia, verdade? Pero agora imos ter outros pouquiños conceptos (el concepto!) que nos van complicar un nadiña a vida contable. Activo, pasivo e patrimonio neto. E agora de qué fala esta? Pois moi fácil, as anotacións son cargos e abonos, pero de qué? porque algo terá que ser o que aumente e diminúa, non? Pois aí o tedes, as anotacións contables son referentes a elementos do activo, do pasivo ou do neto, patrimonio neto, non nos vaiamos confundir.

Vamos aló. Que é o activo? Pois é o conxunto de recursos propiedade da empresa co que se obteñen beneficios. No noso idioma: son tódalas cousiñas que ten a empresa, coches, terreos, construcións, diñeiro en efectivo, contas bancarias e é moi importante non esquecernos dos dereitos de cobro sobre terceiras persoas. Todo o que a empresa posúe ou posuirá nun futuro por un feito xa acontecido forma o activo da empresa. Polo tanto é lóxico supoñer que cando o activo aumenta a anotación vai ó debe, e cando mingua a anotación faise no haber, ou polo menos a min paréceme lóxica apisoante (disque se di así). A pesar de ser algo inventado, a min paréceme que mellor non o puideron inventar, porque todo cadra perfectamente (chiste para os iniciados).

E o pasivo? Pois o pasivo é xustamente o contrario. Todo o que a empresa lle debe a terceiros, tanto compromisos monetarios coma obrigas de proporcionarlles bens ou servizos no futuro, estamos? Basicamente, os activos utilízanse para saldar pasivos, e os pasivos para financiar activos, entón tamén será lóxico pensar que cando un pasivo medra, a anotación debe ir no haber, e cando encolle irá no debe, xusto ó revés do que ocorre co activo.

O patrimonio neto é outra cousiña, que vós diredes: xa está este a inventar, se xa están tódalas posicións collidas polos dous usurpadores anteriores, onde pretende Cillian meter outro tipo de elemento? Pois iso tamén ten resposta, pero agora non me apetece, e ademais algo haberá que deixar, se non en tres entradas liquidámolo Plan Xeral Contable, e a ver de qué escribe Misielo, que son eu. Pois iso, que se na próxima entrada non vos comento o do patrimonio neto mo recordedes, que iso é importante, e vai saír máis veces, co que vos debería quedar claro agora xa o que é para evitar futuros problemas. De momento douvos unha pista: o activo é igual ó pasivo mailo patrimonio neto. Aí queda iso.

20 mar 2012

Cillian Murphy como mola, se merece una ola!

Vamos a ver unha cousiña, que quede claro que isto non é un blog de eses de entrar a ler, este é un blog que escribo eu porque quero. Xa veriades que a entrada se chama igual que o blog en si, vale, pois iso é debido á miña falta de imaxinación, non é porque teña pouca, que tamén, é porque non a quero gastar en parvadas, e isto é o que é. Eu non quero ser escritora, nin me gusta, nin sei, escribir , de feito non quero que ninguén lea isto, así que xa sabes, se entraches aquí por erro o mellor que podes facer é darlle atrás e dicirlle a google que non che mande nunca nunca nunca xamáis aquí, estamos? e de feito o de escribir en galego é outra estratexia para minimizar os riscos de que alguén poida ler isto. Moitos (polo menos dous) estaredes a preguntarvos entón por que escribo un blog, pois ben, dende fai un tempo a todo o mundo que coñezo se lle dá por escribir, e eu, que son tan boa, léoos e claro (envexa), chegou un momento no que eu non me podía meter nas conversas dos meus seres queridos/familiares, porque estaban a falar dos seus respectivos, e non é que eu sexa "culo veo, culo quiero", pero estaredes de acordo comigo en que un blog e máis un cu pouco teñen que ver, e dixen: "Kil-lian, tes que escribir un blog!" e respondinme: "Ai! Non! Que a min non me gusta escribir, nin quero, nin sei", "A ver oh!", "Xa che dixen que non! Estás parvo?". E tras unha longa discusión logrei convencerme de que a única saída era esta. E aquí estou.

Pero claro, como non quero que ninguén lea isto tiven que poñerlle moitas cribas, a primeira foi a de facelo en galego, xa sei que o dixen antes, pero estou recapitulando (eu recapitulo canto quero, e vós non sodes ninguén para impedirmo). E por se aínda alguén tiña intención de ler algo aquí, decidín escribir sobre un tema que a ninguén lle interese. E cal é ese tema? Cal é ese tema? Tranquilos, non faledes todos á vez que xa volo vou dicir agora: O tema é... contabilidade con pinceladas de matemáticas financeiras!!! Que? Como quedades? Agora si que ides cerrar e dicirlle a google que destrúa a páxina, a que si? Pois agardade agardade, que iso non é todo, e vós diredes: "pero qué pode ser peor que todo isto?". Nada home, que era broma, que pensades? que son un bicho malo ou que? Nada nada, xa está, o demais é todo correcto, ou iso creo, se me acordo dalgunha outra terrible verdade xa vos aviso, pero non creo eh.

Ah! Sabede que non ides poder facer nada para que eu non escriba sobre contabilidade e matemáticas financeiras, porque este é o meu blog e escribo sobre o que me parece, vouvos eu dicir de que tedes que escribir nos vosos blogs? Non, verdade? Pois agardo o mesmo respecto pola vosa parte. Porque xa sei que a contabilidade é unha cousa que, por definición, non gusta. E iso por que é así? Pois non o sei, pero teño unha teoría que é a seguinte: unha persoa, probablemente un estupendo cereal, decidiu que era demasiado burro como para entender iso da partida dobre, e seguiu correndo detrás daquel paxaro, como o chaval era moi guapo e lles podía a todos, a súa opinión quedou por encima das dos demais, que tampouco o entendían pero disimulaban, e correuse o rumor de que a contabilidade era unha merda, que non servía pa nada e que a había que repudiar. Esta opinión pasou de xeración en xeración e, ó final converteuse nunha opinión xeral, que como todos sabemos é sempre a peor. Pois nada, que ti falas de contabilidade, ou simplemente a mencionas, e xa todo o bar se che bota enriba: "Quita daí!!" "Ti que dis?? Cala oh!!" "Non nos déalo día cas túas merdas!!!" e así ata a embolia, e ti dislles "Pero sabedes o que é?", e esa xente tan lista asubía e non responde, pero xa volveron falar do que non saben. Outro día falarei da xente que fala do que non sabe.

Outra cousiña, a ver, eu non quero enganar a ninguén, entón teño que dicir que son do Barcelona, xa sei que nun blog de contabilidade non é necesario, pero eu prefiro avisar e xa, que a cantidade de disgustos que eu me forraría se soubese que Andrés Calamaro era do Real Madrid non é pequena, noites en vela pensando que nunha destas morría e mira, pa que total despois vaia por aí dicindo que Casillas é todo un caballero, que seguro que o di, aínda que eu non llo oíra nunca, ou que ten pelo, ou sabe Dios que outras barbaridades, e pa andar polo mundo dicindo cousas polas que poñerse colorado, e que aínda encima son mentira, máis lle valera non amagar tanto e morrer de verdade ou retirarse, polo menos antes de que ese disco vira a luz, si, ese disco, xa todos sabemos cal é, porque non contento con que lle perdoaramos o do gordo, vai e fai un aínda peor... iso non ten nome. Ben, pois todo estes desgustos puidémolos aforrar se nos dixera no "Alta Suciedad" que era do Madrid, e así saberiamos que esa persoa non é de fiar, non vos parece? realmente a min dame igual o que vos pareza, porque eu téñoo claro, pero nunca está de máis preguntar, así coma por quedar ben, con quen? pois comigo mesma que son a única que vai ler isto, e, por suposto, vou estar de acordo con cada unha das palabras. Xa veredes que de comentarios amigables.

A estas alturas xa notariades que non sei escribir, ou iso espero, pois mala chorra, xa vos dixen que este non era un blog de ler, se aínda así vos puxeches a lelo coma parvos alá vós, eu non teño culpa, non me pidades explicacións! Hombre ya! Outra cousa que tamén notariades é que falo de min en feminino, a pesar de ser Cillian Murphy, pois iso son cousas que pasan, e tampouco vos vou dar explicacións, porque non as merecedes, aínda encima de desobedecerme lendo o meu blog, ides pretender que vos diga por que Cillian Murphy fala como lle dá a gana, pois ides finos. GOOOOOL DO BARÇA!!!!!!! Pensaredes que non, pero isto é unha alegría, porque ía empatado, a douses, no Camp Nou, co Granada, pffffff, cousa mala eh, menos mal que temos aí a Messi, non coma aquel estúpido Rivaldo, que outro día xa falaremos do boísimo que era, pero que Van Gaal non lle deixaba xogar ó bo del... xa! Pero iso: outro día.


Ben, pois como presentación creo que xa menos mal, así que aí vos deixo, que me dixo Santi que ás once menos cinco cerran e non quero eu ser impedimento para a vida de ninguén (non sei ata que punto a de Santi é vida, pero ante a dúbida...), aínda non son menos cuarto, pero entre que apago e tal... dannos as once. Veña, voume. E xa vos dei explicacións de máis. Esta entrada vouna subir así, sen medir, non a vou ler, porque creo que se o fago a borro, así que se hai faltas de ortografía e vos caen os ollos mala sorte, pásavos por ler o que non debedes. Ala, aburiño.