20 mar. 2012

Cillian Murphy como mola, se merece una ola!

Vamos a ver unha cousiña, que quede claro que isto non é un blog de eses de entrar a ler, este é un blog que escribo eu porque quero. Xa veriades que a entrada se chama igual que o blog en si, vale, pois iso é debido á miña falta de imaxinación, non é porque teña pouca, que tamén, é porque non a quero gastar en parvadas, e isto é o que é. Eu non quero ser escritora, nin me gusta, nin sei, escribir , de feito non quero que ninguén lea isto, así que xa sabes, se entraches aquí por erro o mellor que podes facer é darlle atrás e dicirlle a google que non che mande nunca nunca nunca xamáis aquí, estamos? e de feito o de escribir en galego é outra estratexia para minimizar os riscos de que alguén poida ler isto. Moitos (polo menos dous) estaredes a preguntarvos entón por que escribo un blog, pois ben, dende fai un tempo a todo o mundo que coñezo se lle dá por escribir, e eu, que son tan boa, léoos e claro (envexa), chegou un momento no que eu non me podía meter nas conversas dos meus seres queridos/familiares, porque estaban a falar dos seus respectivos, e non é que eu sexa "culo veo, culo quiero", pero estaredes de acordo comigo en que un blog e máis un cu pouco teñen que ver, e dixen: "Kil-lian, tes que escribir un blog!" e respondinme: "Ai! Non! Que a min non me gusta escribir, nin quero, nin sei", "A ver oh!", "Xa che dixen que non! Estás parvo?". E tras unha longa discusión logrei convencerme de que a única saída era esta. E aquí estou.

Pero claro, como non quero que ninguén lea isto tiven que poñerlle moitas cribas, a primeira foi a de facelo en galego, xa sei que o dixen antes, pero estou recapitulando (eu recapitulo canto quero, e vós non sodes ninguén para impedirmo). E por se aínda alguén tiña intención de ler algo aquí, decidín escribir sobre un tema que a ninguén lle interese. E cal é ese tema? Cal é ese tema? Tranquilos, non faledes todos á vez que xa volo vou dicir agora: O tema é... contabilidade con pinceladas de matemáticas financeiras!!! Que? Como quedades? Agora si que ides cerrar e dicirlle a google que destrúa a páxina, a que si? Pois agardade agardade, que iso non é todo, e vós diredes: "pero qué pode ser peor que todo isto?". Nada home, que era broma, que pensades? que son un bicho malo ou que? Nada nada, xa está, o demais é todo correcto, ou iso creo, se me acordo dalgunha outra terrible verdade xa vos aviso, pero non creo eh.

Ah! Sabede que non ides poder facer nada para que eu non escriba sobre contabilidade e matemáticas financeiras, porque este é o meu blog e escribo sobre o que me parece, vouvos eu dicir de que tedes que escribir nos vosos blogs? Non, verdade? Pois agardo o mesmo respecto pola vosa parte. Porque xa sei que a contabilidade é unha cousa que, por definición, non gusta. E iso por que é así? Pois non o sei, pero teño unha teoría que é a seguinte: unha persoa, probablemente un estupendo cereal, decidiu que era demasiado burro como para entender iso da partida dobre, e seguiu correndo detrás daquel paxaro, como o chaval era moi guapo e lles podía a todos, a súa opinión quedou por encima das dos demais, que tampouco o entendían pero disimulaban, e correuse o rumor de que a contabilidade era unha merda, que non servía pa nada e que a había que repudiar. Esta opinión pasou de xeración en xeración e, ó final converteuse nunha opinión xeral, que como todos sabemos é sempre a peor. Pois nada, que ti falas de contabilidade, ou simplemente a mencionas, e xa todo o bar se che bota enriba: "Quita daí!!" "Ti que dis?? Cala oh!!" "Non nos déalo día cas túas merdas!!!" e así ata a embolia, e ti dislles "Pero sabedes o que é?", e esa xente tan lista asubía e non responde, pero xa volveron falar do que non saben. Outro día falarei da xente que fala do que non sabe.

Outra cousiña, a ver, eu non quero enganar a ninguén, entón teño que dicir que son do Barcelona, xa sei que nun blog de contabilidade non é necesario, pero eu prefiro avisar e xa, que a cantidade de disgustos que eu me forraría se soubese que Andrés Calamaro era do Real Madrid non é pequena, noites en vela pensando que nunha destas morría e mira, pa que total despois vaia por aí dicindo que Casillas é todo un caballero, que seguro que o di, aínda que eu non llo oíra nunca, ou que ten pelo, ou sabe Dios que outras barbaridades, e pa andar polo mundo dicindo cousas polas que poñerse colorado, e que aínda encima son mentira, máis lle valera non amagar tanto e morrer de verdade ou retirarse, polo menos antes de que ese disco vira a luz, si, ese disco, xa todos sabemos cal é, porque non contento con que lle perdoaramos o do gordo, vai e fai un aínda peor... iso non ten nome. Ben, pois todo estes desgustos puidémolos aforrar se nos dixera no "Alta Suciedad" que era do Madrid, e así saberiamos que esa persoa non é de fiar, non vos parece? realmente a min dame igual o que vos pareza, porque eu téñoo claro, pero nunca está de máis preguntar, así coma por quedar ben, con quen? pois comigo mesma que son a única que vai ler isto, e, por suposto, vou estar de acordo con cada unha das palabras. Xa veredes que de comentarios amigables.

A estas alturas xa notariades que non sei escribir, ou iso espero, pois mala chorra, xa vos dixen que este non era un blog de ler, se aínda así vos puxeches a lelo coma parvos alá vós, eu non teño culpa, non me pidades explicacións! Hombre ya! Outra cousa que tamén notariades é que falo de min en feminino, a pesar de ser Cillian Murphy, pois iso son cousas que pasan, e tampouco vos vou dar explicacións, porque non as merecedes, aínda encima de desobedecerme lendo o meu blog, ides pretender que vos diga por que Cillian Murphy fala como lle dá a gana, pois ides finos. GOOOOOL DO BARÇA!!!!!!! Pensaredes que non, pero isto é unha alegría, porque ía empatado, a douses, no Camp Nou, co Granada, pffffff, cousa mala eh, menos mal que temos aí a Messi, non coma aquel estúpido Rivaldo, que outro día xa falaremos do boísimo que era, pero que Van Gaal non lle deixaba xogar ó bo del... xa! Pero iso: outro día.


Ben, pois como presentación creo que xa menos mal, así que aí vos deixo, que me dixo Santi que ás once menos cinco cerran e non quero eu ser impedimento para a vida de ninguén (non sei ata que punto a de Santi é vida, pero ante a dúbida...), aínda non son menos cuarto, pero entre que apago e tal... dannos as once. Veña, voume. E xa vos dei explicacións de máis. Esta entrada vouna subir así, sen medir, non a vou ler, porque creo que se o fago a borro, así que se hai faltas de ortografía e vos caen os ollos mala sorte, pásavos por ler o que non debedes. Ala, aburiño.

3 comentarios:

Cillian Murphy que es gerundio.