4 abr. 2012

España, paraíso fiscal.


Boas tardes/noites a todos. Hoxe vou facer un descanso, non é un descanso de verdade, é simplemente unha pausa na nosa actividade habitual, a contabilidade, para falar un pouquiño sobre a economía somerxida. Xa sei que agora o que se leva é falar da reforma laboral, e da folga xeral da semana pasada, pero a economía somerxida é a que ten a culpa de case tódolos males que nos están a atacar nos últimos… meses… anos… non sei, poñamos tempos.

Vamos a ver unha cousiña, neste país gústanos moito defraudar a Facenda, normal? Pois non sei que che diga, pero o que é moito peor é que neste país nos gusta moito que os demais defrauden a Facenda, e iso si que podo asegurar que non é normal, pero é así:
-Pois Manolo este ano defraudoulle a Facenda dous millóns.
-Tooooma! Que tomen polo cu!
Esta é a conversa habitual entre dúas persoas españolas, aínda que esas dúas persoas odien ata a morte a ese tal Manolo, parece ser que odian máis a Facenda, que xa me dirás ti… sacan beneficio eses dous pobres diablos do que Manolo lle rouba á Administración Pública? Non. Saca beneficio alguén que non sexa Manolo? Non. Entón por que estamos tan contentos cando un bichicoma non ingresa o que debe mentres que a nós xa nolo sacan da nómina, ó mellor máis do que nos toca? Pois non o sei, non ten sentido, e así nos vai.

Antes de nada deberiamos darnos conta do desgraciados que somos. A ver como volo explico, para defraudar dous millóns temos que ter moitos cartos, ningún indixente está obrigado a pagarlle a Facenda o que non ten. Eu só vos digo que se Manolo defraudou dous millóns é porque ingresou sete, entón, parécenos xusto que nós que gañamos aínda non mil euros ó mes e que xa Manolo se encarga de sacarnos os 30 que nos cobra Facenda máis os oitenta que requisa a Seguridade Social, e eses ingrésaos cando toca, pero os seus dous millóns mellor quédase con eles, e así de paso pode cobrar algunha axuda estatal para non entrar en concurso de acredores, porque para non pagar eses dous millóns ten que facer crer á Administración que non gañou nada, probablemente nas súas contas saian perdas, e xa enlazando co tema, e como non está de máis falar da reforma laboral, con ese pequeno engano xa Manolo tamén pode botarme do meu posto de traballo pagando só unha indemnización de vinte días por ano traballado, dos cales Manolo, por certo, só vai pagar doce, porque os outros oito xa os pon o FOGASA, que os máis avispados dirán: “E a ti que máis che ten? Se vas cobrar vinte igual, que che importa de onde saian?” E é verdade, a min non me importa de onde saian os vinte miserables días que me van pagar, pero podédesme crer que o empresario, Manolo, si vai facer as súas contas antes de amortizar o meu posto de traballo (xa sei que agora os postos non se amortizan, pero paréceme que esa palabra expresa moito mellor o que nos están facendo), e que as contas lle van saír máis redondas se do seu peto só saen doce días, e que se pagando vinte o pensaría durante uns meses máis, pagando doce xa estou na rúa.

Agora xa vedes que o empresario o ten todo de cara, defrauda porque pode e, mentres, nós aplaudímoslle a heroicidade coa que esquiva a Montoro, ou a de Guindos, ou a quen demo sexa o encargado de recaudar o imposto de sociedades, por poñer un. E ademais con falsear as contas tres trimestres, nin sequera un ano, por Deus bendito eh!, xa estás na rúa a prezo de rebaixas. Ó mellor pensades que non ten importancia que sexan tres trimestres e non un ano, e probablemente neste momento non a teña, porque tal e como está a economía non hai que falsear nada para ter descenso de ingresos tres trimestres seguidos, todos sabemos que o consumo se resinte nas crises, e esta está a ser dura, pero pensade un pouquiño, porque esta reforma está aquí para quedar. Cando a economía se repoña, e volvamos ós tempos de bonanza económica (disque), que será o que lle impida ó empresario recortar os ingresos nas súas contas durante os tres primeiros trimestres do exercicio económico, para axustalos no último cando o traballador que lle estorbaba xa estea na casa? Porque quero recordarvos que as contas anuais (que é a contabilidade que se debe facer pública) se fan en cómputo global dun exercicio económico enteiro, e que un exercicio ten catro trimestres, ese empresario non ten nin que enganar a ninguén, botou ó empregado ou empregados que xa non lle valían, por un custo de risa, e sen facer nada punible (e xa non quero falar da posibilidade de baixarlle o salario ata o Salario Mínimo Interprofesional, sen darlle contas a ninguén, e con menos esforzo aínda).

Xa sei que estamos demonizando ós empresarios, e que disque hai que pensar positivamente, pero é que por moi bos que sexan, se poñen nas súas mans tódalas ferramentas para que as súas vidas sexan infinitamente máis sinxelas, e todo en detrimento do benestar dos seus traballadores, eu non podo máis que pensar que a ampla maioría van actuar pensando unicamente neles e utilizando ós seus empregados coma se fosen unha maquinaria máis, amortizándoa nos anos que máis lle conveña á súa actividade económica, e, por suposto, cos menores gastos de desmantelamento posible.

Agora ben, eu non quero falar da reforma laboral, nin de como se están a poñer as cousas para as persoas que temos que traballar por conta allea. Eu o que quería era falar da amnistía fiscal. E agora que chegamos ó tema principal desta entrada, como vou a convencervos eu de que evadir impostos é roubar, e de que roubar é malo? se chega o noso novo goberno e nos di: “Roubar é malo, pero se nos dás un pouco do teu botín, moito menos do que nos tiñas que dar legalmente, non te asustes, perdoámosche”. Como vedes, isto non ten sentido, o Estado Español, neste momento, funciona moito mellor ca unha conta nas Illas Caimán, por unha minúscula comisión, non só che aseguran os teu aforros ilegais, senón que ademais chos branquean e che converten nunha persoa aínda máis rica e respectable.

Todos sabemos o que é a amnistía fiscal, verdade? Pois iso, que Manolo defraudoulle dous millóns á Facenda Pública, e agora que? Pois agora Manolo atópase con uns sete millóns en diñeiro negro, porque xa vos dixen que para defraudar eses cartos tivo que ocultar eses e mailos outros, tódolos ingresos que xeraron esa obriga con Facenda. E non imos falar do I.V.E., que me parece a min que non vai incluído nos dous millóns. Ben, pois agora Manolo ten sete millóns gardados na caixa forte da súa casa e vainos gastando no seu día a día, obviamente non se priva de nada, porque é ben consciente de que na compra semanal non vai dar gastado todo iso, e o máis probable é que para o ano que ven entren outros tantos nas súas arcas, xa que este ano lle saíu tan ben, e encima todo o mundo aplaudiu a súa manobra. Pois nada, nesas estamos cando de repente: Oh! Sorpresa! Amnistía fiscal! O Consello de Ministros decidiu que lle vai rebaixar a cota a Manolo e máis a tódolos noxentos espécimes coma el. Si, agora, se comparte eses sete millóns co Estado Español, se nos deixan rabuñar o que lle sobra, van facer coma que non ocorreu nada disto, pero non é que lle vaian pedir os dous millóns que non pagou no seu día, non, porque nese caso seguro que a Manolo lle segue parecendo moito e os segue gardando el, que total… xa era o que tiña pensado. Non, o que lle van pedir vai ser só un 10% do seu botín, que é iso para alguén que se fixo de ouro roubándonos a tódolos españois? Nada, o que lle sobra, setecentos mil euros a cambio de dous millóns longos que non pagou no seu día. Mallado vos quedou, bichicomas todos.

Correcto, a economía somerxida é unha lacra gravísima neste país, e é grave toda, non vou escusar ós traballadores que traballan sen contrato para así cobrar o paro, ou a axuda, ou o que lles dean, porque son tan bichicomas coma o empresario, pero con menos sorte. Moita xente pensa que “iso non é nada”, non, non é nada se o fixeran dous ou tres, pero tendo en conta o enormemente estendida que está… deberiamos pensar un pouquiño nos demais, e en nós mesmos dentro duns anos, que parece que só vemos o que temos diante do fociño. Acábanse os cartos das pensións, pero estamos moi contentos porque cobramos seiscentos euros do paro e máis un salario moi bo porque o empresario nos dá douscentos euros máis do normal do que aforra das cotas á Seguridade Social e máis á Facenda, moi bo o empresario, que aforra a súa cota á Seguridade Social, se non sabedes canto é deberiades informarvos, porque a cota patronal é bastante máis grande que a participación obreira, como debe ser, xa que é a parte forte da relación, afórrase indemnización por despido, ou fin de contrato, aforra a súa parte en incapacidades temporais, e aforra todo isto do lombo do traballador que non o vai cobrar, e o sentido común lévame a dicir que lle está moi ben a ese traballador, porque non está ben roubar, pero tamén me gustaría que o empresario levara algún pau por outro lado, e iso non pasa, porque ninguén, aínda coñecendo decenas de casos coma este, os denuncia, porque son nimiedades, e máis porque tamén lle van obrigar ó traballador a devolver o subsidio que estaba cobrando mentres traballaba, e que? Non vos parece o xusto? Que o traballador devolva o que cobrou de máis e que o empresario pague todo o que debe ás arcas da Seguridade Social e a Facenda. Nunha sociedade normal todos deberiamos pensar así, pero preferimos pensar coma anarquistas cativos, que non digo que a anarquía non sexa unha forma válida de organización, pero o que non me vale é que eu aporte o que debo para o “Estado de Benestar”, e o outro non dea nada porque el cre no anarquismo como forma política, “Ti crer crerás, pero non é o caso, e mentres eu aporte, aportamos todos”, porque o que defrauda está prexudicando a tódolos contribuíntes dentro da legalidade. Como dixen antes, defrauda o que pode, e normalmente o que pode é o que máis ten, e, consecuentemente, o que máis obriga de contribuír xera, entón estamos aportando as minucias que tanta falta nos fan os máis desgraciados, mentres que os que realmente poden botarlle unha man ben útil á economía do país escapan do fisco, e, volvo a dicilo, así nos vai.


E volvendo sobre a amnistía fiscal, a ese empresario corrupto pídenlle o dez por cento do seu diñeiro ilegal para volvelo legal, e mentres tanto, a tódolos empresario legais (se é que os hai), que pagan o seu trinta por cento de imposto de sociedades (non sei se é esa a porcentaxe correcta, pero por aí lle anda), báixanlle as deducións no mesmo Consello de Ministros, isto é normal? O camiño a seguir para o Estado de Dereito pasa por premiar ós corruptos e castigar ós legais? Porque se é así eu debo pensar moi seriamente, e vós tamén deberiades, se este é o país no que quero vivir, e que quero manter cos meus impostos legais. Porque se a corrupción xa nos ven xustificada polo goberno igual nos estamos confundindo de base, igual esta non é a organización de estado que queremos, ou igual o goberno que as nosas Cortes democráticas elixiron non é o que esperabamos os votantes, ou igual todo isto é o que nos merecemos por permitir que un partido que apoia o franquismo sexa legal ó mesmo tempo que protestamos con tódalas nosas forzas contra o terrorismo.



E cal é a conclusión de todo isto? Ningunha. Eu teño moi claro que toda a economía somerxida é nociva para unha nación, e tamén teño moi claro que non é fácil loitar contra ela, pero que se pode facer moito máis do que se fai aquí tamén, que unha amnistía fiscal non é a solución a nada, e que temos que loitar con tódalas forzas que teñamos contra todo o ilegal, que non hai delitos mellores que outros, e que, así como ningunha persoa normal está de acordo cun asasinato, cunha violación, ou cun atentado terrorista, ningunha persoa razoable debe alegrarse de que quen sexa defraude a Facenda, e que ninguén me veña agora dicir que non é o mesmo, porque xa sei que non o é, pero é moito máis parecido do que a maioría pensa, porque esa xente que non está disposta a ceder tres dos dez millóns que gañou o ano pasado é xente que si está disposta a pagar o que sexa do imposto revolucionario (e que ninguén se me esbrille, que é só un exemplo), porque a súa vida maila das súas familias váleo, normal, pero a do empregado que botou á rúa porque a lei llo permitía non vale un céntimo, se morre á fame el e mailos seus fillos, a quen lle importa?, porque non os concibe como persoas, senón como maquinaria, porque ese empresario que non está disposto a gañar un pouco menos non pensa nas consecuencias que poden ter as súas accións para os demais, e dese pensamento ó homicidio hai un paso, porque para el os demais non existen, só existe el, el e máis el, porque non hai maior egoísmo que ese que agora se ve premiado por esa amnistía fiscal que, igual que a reforma laboral, vai ir adiante si ou si. E que a ninguén lle parece tan grave porque ás persoas que deberían manifestarse en contra non lles afecta, e ás que lles afecta non teñen nada que perder, se queren legalizar os seus capitais pagan ese dez por cento e se non basta con estar quietiño coma ata agora e todo queda igual, porque ninguén se vai molestar en reforzar as inspeccións, e o que me gustaría saber é por que, por que non se aumentan as inspeccións de facenda? E as laborais? Non sería máis útil que agardar a que esta xente decida ceder unha ínfima parte do que consideran deles? Non sería mellor atacar a quen realmente o merece e deixar en paz ós que o fan todo dentro da legalidade? Pois parece ser que non, parece que os que pagan xa pagan, e se se lle pode rabuñar algo ós que non pagan ben, e se aínda o dez lles parece moito xa haberá tempo de baixar ó cinco, ata ó final deixalo no cero, branqueo de capitais gratuíto, para así, aparte do que rabuñaran do dez e do cinco, conseguir o obxectivo real: liquidez. E así nos vai…

7 comentarios:

  1. vincent cassel e john malkovich vale, son uns bichicomas... pero willem dafoe? se é a mellor persoa do mundo!

    sobre o pós: non te preocupes por eses temas, con baixarlle o soldo ós funcionarios, que non teñen xeito de defraudar, malo será que non amañen.

    ResponderEliminar
  2. as becas universitarias redúcense un 62% viiiiiiiiva viiiiiiiiiiva!!!

    non che acabo de dicir que xa atoparían un xeito de amañalo??

    ResponderEliminar
  3. Vai moi ben a función de programar a entrada pa unha hora... pa onte ás nove da noite a puxen... e tal cual oye.

    ResponderEliminar
  4. Vai moi ben a función de programar a entrada pa unha hora... pa onte ás nove da noite a puxen... e tal cual oye.

    ResponderEliminar
  5. Vai moi ben a función de programar a entrada pa unha hora... pa onte ás nove da noite a puxen... e tal cual oye.

    ResponderEliminar
  6. O blogger xa sabe quen manda aquí, por iso me triplica os comentarios. Si Rusiño si, vano a arreglar todo a base de matarme a disgustos, e de quitarche días de asuntos propios claro...

    ResponderEliminar
  7. E a Willem Dafoe só o puxen porque o atopei tan guapo nesa foto que non me puiden resistir...

    ResponderEliminar

Cillian Murphy que es gerundio.